O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Recepción da Banda de Música Cultural de Teo no Concello para felicitala polo premio logrado en Italia

| compartir:

A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, recibiu esta mañá unha pequena representación da Banda de Música Cultural de Teo co fin de felicitala polo seu éxito no Certame Internacional Flicorno d'Oro en Riva del Garda (Italia), onde acadou o terceiro posto na categoría superior.

Neste senso, a rexedora salientou o gran talento da banda e a súa profesionalidade, cualidades que poñen en valor o traballo duro e constante dos músicos e do seu director, Francisco Fernández Pérez. Un labor que, como remarcou a alcaldesa, ten a súa recompensa nos éxitos obtidos e nos que virán, matizou Lucía Calvo de la Uz.

Así mesmo, trasladoulles o compromiso do Concello na promoción do seu traballo, incidindo na máis que necesaria colaboración fluída entre ambos organismos para que a música e o nome de Teo se poña en valor fóra das nosas fronteiras. 

Un compromiso, incidiu a alcaldesa, que tamén se verá manifestado no acondicionamento das instalacións da Casa Común de Teo na que están a ensaiar, xa que precisa dunha mellora estrutural co fin de garantir unha correcta eficiencia enerxética, buscando ademais a seguridade e o confort das persoas usuarias e garantindo infraestruturas e servizos municipais de calidade.

Certame internacional

O Flicorno D’Oro é un prestixioso festival de música que se celebra na localidade italiana de Riva del Garda. O festival inclúe diferentes categorías onde se dan cita numerosas bandas de música de todo o mundo, primando o intercambio cultural e a convivencia entre todos os participantes. 

A XXIV edición deste concurso reuniu a unhas sesenta bandas chegadas de diferentes países de Europa, sendo a Banda de Música Cultural de Teo a única procedente de Galicia. 

foto