O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

A sétima edición do Enreguéifate entrega os seus galardóns este mércores, 3 de abril, en Santiago de Compostela

| compartir:

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle mañá, mércores 3 de abril, ás 11:00 horas a entrega de premios da sétima edición do certame Enreguéifate, o proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo para impulsar a difusión da improvisación oral en verso (regueifa). 

Será un acto conducido polo mestre, músico e regueifeiro Manolo Maseda; o mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende; e as formadoras do Enreguéifate Lupe Blanco; Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces. Haberá tamén música, da man da Orquestra da regueifa, formada por alumnado do amiense IES do Milladoiro e o IES Antonio Fraguas de Santiago de
Compostela.


Categoría xeral
Na gala, que será accesible en lingua de signos, entregaranse os premios á regueifa máis brava, que vai para o vídeo “Cumbia do choque”, do Arrieiro e Chaminho (Malpica e A Coruña); a máis aguda, para “Vai de voda”, da Escola de regueifa de Carballo; a máis diversa, para os Teiseiros regueifeiros, de Vigo, coa súa “Regueifa pola saúde mental”; o galardón á regueifa mellor cantada, para o Grupo Xuvenil da Terceira Idade de Poio, pola súa regueifa “Sempre vida”; a mellor falada, para As da muiñeira, de Coristanco, con “Os deberes”; e a máis reivindicativa, para os teenses Iván e Aroa, pola súa “Regueifa de coidar a terriña”.
 

Categoría escolar
Na categoría escolar, a proposta que o xurado seleccionou como a máis brava foi “Queremos moito ás nosas profes” do grupo Os máis bravos, do CEIP de Bormoio-Agualada (Coristanco). A máis aguda foi para Regueifeirxs da Chá, do IES Basanta de Vilalba, polo seu vídeo “Regueifando apréndese mellor”; a máis diversa correu a cargo dos rapaces de 2º B do CEIP compostelán Quiroga Palacios, co título “O noso Entroido”; a máis reivindicativa foi a do alumnado de 6º EP do CEIP Plurilingüe Santa María do Castro de Cabo de Cruz (Boiro), titulada “O granulado non é pasado”; a mellor cantada, para “A nosa música na nosa voz”, das Regueifeiras do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces); e a mellor falada foi parar aos Regueifeiros de Razo, do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo), baixo o título “Regueifa en Razo”. Por último, o accésit á regueifa máis inclusiva foi para “Todo isto son mentiras”, de Noa e Martín (do IES Antonio Fraguas de Santiago). 


Os galardóns desta sétima edición, que tiña por lema “Temos madeira regueifeira!”, levan selo estradense, con pezas creadas polas irmás artesás Isabel e Ana Neira (Atalanta Madera). Na entrega dos mesmos participarán, ademais das persoas premiadas, alumnado de varios centros escolares galegos, técnicas dos servizos de normalización lingüística e unha representación política dos concellos impulsores da iniciativa.


Será o punto e final a unha edición do certame na que se recibiron un total de 56 vídeos chegados das catro provincias galegas (Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilalba, A Coruña, Viana do Bolo, Melide, Vila de Cruces ou Dodro, entre outros municipios). O xurado do certame estivo composto por Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Fátima Souto, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; Manolo Maseda e Séchu Sende.

 

foto