O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

A solución proposta pola Xunta permite completar os enlaces da Ramallosa e de Pontevea da AG-59

| compartir:

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, mantiveron hoxe un encontro informativo con representantes da Asociación de Empresarios de Teo e con veciños para abordar os enlaces de conexión do treito en execución de prolongación da AG-59 con este municipio. Alí destacaron que a solución proposta polos técnicos da Xunta permitirá completar os enlaces da Ramallosa e de Pontevea da autovía Santiago-A Estrada, mellorando a súa funcionalidade.

Este encontro de traballo responde á súa solicitude de ter información de primeira man, contando na mesma cun técnico da Xunta para explicarlles a solución técnica para executar os enlaces da Ramallosa e de Pontevea, previstos inicialmente só como semienlaces. 

A solución técnica proposta permitirá completar os enlaces da autovía AG-59 en Teo, permitindo os 4 movementos, de entrada e de saída, tanto en dirección a Santiago como á Estrada, incrementando a funcionalidade da propia autovía AG-59 e reforzando o servizo que lle presta ás poboacións que atravesa, fundamentalmente no municipio de Teo. 

Son intervencións que, salvo unha que non cae no ámbito da actuación, se levarán a cabo no marco do novo treito de prolongación da autovía que se comezou a finais de outubro cun orzamento de máis de 32 M€ e un prazo de execución de 20 meses.

Os traballos comezaron polo despexe e roza, estando estas tarefas xa avanzadas, ao 80% de execución; e continúan agora coa retirada de terra. Son 3,5 novos km de autovía entre A Ramallosa e Pontevea para reforzar a seguridade viaria, avanzar na vertebración e incrementar a competitividade. 

O proxecto de prolongación da autovía xa tiña programada esa ampliación dos semienlaces a enlaces, aínda que máis adiante no tempo. No obstante, unha vez que está en execución o treito da autovía entre A Ramallosa ata o núcleo de Pontevea, onde a autovía confluirá coa estrada AC-241, os técnicos viron, sobre o terreo, a posibilidade de anticipar a solución e completar xa eses enlaces no marco desta actuación. 

Para iso é preciso realizar pequenos axustes no proxecto que posibilitan executar o enlace completo da AG-59 na Ramallosa, permitindo todos os movementos con orixe e destino, tanto Santiago como da Estrada. Para completar ese enlace non será necesario realizar expropiacións adicionais. En concreto, na Ramallosa proponse, polo tanto, un enlace completo cos 4 movementos, entrada e saída, tanto cara a Santiago como cara á Estrada. 

Tamén o enlace de conexión coa AC-241 en Pontevea será completo, ao redeseñar o proxecto para acometer un enlace con 4 movementos tanto cara a Santiago, como cara á Estrada. Neste caso, pola configuración das obras, dous dos catro movementos non serán efectivos ata que se continúe a autovía cara á Estrada. Un destes dous ramais construirase xa, ao estar no ámbito da actuación en execución; o outro quedará preparado para a seguinte fase de prolongación da autovía cara á Estrada. 

A nova configuración do enlace de Pontevea diminúe, ademais, a afección ás vivendas existentes, ao afastarse unha das interseccións. Neste caso, si será necesario a expropiación dalgún terreo adicional. 

Deste xeito, completar os enlaces da autovía AG-59 en Teo será posible sen case aumentar a expropiación de terreos, agás neste punto do trazado, onde é preciso ocupar unha pequena franxa para un camiño de servizo e para a nova glorieta na AC-241. 

xuntanza