O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Teo celebrará este sábado o Día Internacional da Muller Rural

| compartir:

Con motivo do Día Internacional da Muller Rural, que se celebra cada 15 de outubro, o Concello de Teo ten programadas para este sábado diversas actividades para conmemorar este día, entre elas unha exposición sobre a muller teense.

Así, a xornada terá lugar no centro cultural A Ponte Vella durante toda a mañá. Comezará ás 10.00 horas coa presentación da exposición “Historias de Vida”, a cal recolle relatos, anécdotas e experiencias vitais das mulleres de Teo contado por elas mesmas. Toda a información foi conseguida previamente polas técnicas do Centro de Información á Muller (CIM) de Teo a través dun pequeno obradoiro onde as propias participantes expuxeron e acordaron a mellor forma de visualizar as súas historias.

Seguidamente, celebrarase o obradoiro “Herbas das mulleres”, onde se abordará a medicina tradicional desde unha perspectiva de xénero. As bruxas vistas como “médicas”, as parteiras como “obstetas”, as atadoras como “fisioterapeutas”. Abordaranse as principais plantas medicinais do contorno que están suxeitas á época do ano, achegando unha serie de plantas vivas que sirvan para dinamizar o faladoiro e para achegar o coñecemento popular sobre herbas menciñeiras.

Durante toda a exposición motivarase ás participantes a poñer en común receitas, saberes e coñecementos para ir tecendo a medicina popular. Desta referencia concreta e local faranse prolongacións a perspectivas máis amplas, como as abaladas pola ciencia, as popularizadas desde outras filosofías médicas como a oriental etc. E, para rematar, as participantes no obradoiro poderán elaborar un bálsamo medicinal. A última actividade desta xornada estará centrada nunha escape room sobre o papel de mulleres que cambiaron o transcorrer do mundo en diversos sectores, pensado para a toda a familia. 

Asociacións locais

Durante toda a xornada tamén haberá un posto da Asociación de Mulleres Rurais de Teo e outro da Asociación Teenses pola Igualdade, onde os asistentes poderán coñecer o funcionamento e o traballo que realizan durante todo o ano estes colectivos locais. Así mesmo, estará exposto o traxe tradicional da muller da Asociación a Ponte Vella.

cartel