O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo celebrará a súa II Xornada de Emerxencias e Seguridade para dar conta do importante traballo destes efectivos

| compartir:

O vindeiro sábado, 22 de xuño, o concello de Teo celebrará a II Xornada de Emerxencias e Seguridade, onde haberá diversas demostracións de equipos e corpos de emerxencia na que se simularán diversos desastres e incidencias para dar conta da capacidade de intervención dos medios locais, en coordinación cos autonómicos, estatais e internacionais. Esta xornada está organizada polo propio Concello e a empresa especializada Fuego y Mar. 

Así, na explanada da Casa Común de Oza haberá de forma ininterrumpida varios talleres, xincanas, xogos e demostración de medios para todo o público, con especial consideración para a cativada. Alí poderán coñecer de primeira man o seu traballo e os medios técnicos que empregan para desenvolvelo. 

Neste senso, as actividades programadas dividiranse en catro categorías. Por unha banda, a de Forzas e Corpos de Seguridade, onde estarán presentes membros da Policía Local de Teo, a Policía Nacional e Autonómica, así como efectivos da Garda Civil, da Garda Nacional Republicana de Portugal, da Gendarmería Nacional Francesa e os militares do Tercio Norte de Ferrol. Nun segundo grupo, os asistentes poderán descubrir o gran labor dos efectivos sanitarios, concretamente do 061, Cruz Vermella e Protección Civil de Teo. A rapazada poderá coñecer os medios materiais que empregan e facer simulacros con eles.

Na terceira categoría estarán os efectivos de rescate e emerxencias, con demostracións de medios dos servizos municipais de emerxencias de Vilagarcía de Arousa e de Teo, así como de Salvamento Marítimo e da empresa Fuego y Mar. Por último, o grupo das aeronaves que participan nas emerxencias: helicóptero do 061, helicóptero da Garda Civil e helicóptero de loita contra incendios forestais, este último con simulación de descarga de Bambi. 

Unha xornada amena e moi interesante para todos os públicos, a cal contará tamén cunha demostración de traballo das unidades caninas (arredor das 12.00 horas do mediodía) da Policía Nacional, concretamente de rastreo e control de billetes; e do Exército, cunha demostración de defensa e ataque. 

Xa pola tarde, cara as 17.00 horas, procederase a un simulacro de incendio en plataforma elevada e outro dun accidente de circulación por alcance entre dous turismos e unha cisterna de mercadorías perigosas. A xornada rematará cunha festa da escuma para toda a cativada presente. 

foto