O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética do centro sociocultural de Santa María de Teo

| compartir:

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, asinaron o convenio para a mellora da eficiencia enerxética do centro sociocultural de Santa María de Teo, cunha achega por parte da Xunta de 60.000 euros, que representa o 85% do orzamento total. O proxecto executarase de urxencia e nun prazo de dous meses.

As obras centraranse principalmente na envolvente do edificio, coa reparación de fisuras e gretas, ademais do pintado de todas as fachadas e a reparación das reixas das ventás e do balcón. No interior, revestiranse todos os muros de fachada da planta baixa e soto con illante térmico, que tamén se instalará no falso teito na planta alta da edificación principal, entre outras melloras. A maiores, inclúense actuacións na cuberta, co cambio da tella do edificio principal e dos aseos, así como a limpeza do tellado da edificación anexa.

O obxectivo é garantir as mellores condicións de benestar para as persoas usuarias dunha instalación moi demandada pola veciñanza para actividades socioculturais, ademais de ser o local de ensaio da banda de música municipal. As obras programadas evitarán as filtracións de auga e a condensación, garantindo a eficiencia enerxética e a salubridade da infraestrutura.

Outras melloras no concello
O convenio asinado enmárcase no apoio da Xunta ás administracións locais para a realización de melloras nas instalacións municipais e potenciar así a calidade na prestación dos servizos. Nesta liña, cómpre sinalar que en Teo se reformou tamén recentemente o pavillón deportivo municipal dos Tilos para resolver de xeito urxente as deficiencias derivadas da entrada de auga de chuvia a causa da corrosión da cuberta e a formación de humidade por condensación. O Goberno galego investiu 48.300 euros nas obras para instalar unha nova cubrición.

Por outra banda, no marco do Fondo de Compensación Ambiental, este municipio recibiu este ano 40.000 euros para a adquisición dun vehículo con etiqueta cero ou ECO destinado á brigada forestal. A maiores, en 2023 o concello beneficiouse doutras achegas no marco das convocatorias específicas para obras e equipamento en instalacións deportivas municipais. Así, destináronse 19.500 euros para a mellora do campo de fútbol de Calo e 9.700 euros para material destinado a pistas deportivas exteriores, como canastras, taboleiros ou postes.

Teo recibiu nos últimos anos máis de 200.000 € a través das distintas liñas de apoio no eido local, como son a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental ou o Fondo de Cooperación Local.

Foto