O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Aprobadas dúas modificacións puntuais non substanciais ao Plan Xeral de Ordenación Municipal

| compartir:

O Pleno do Concello de Teo aprobou onte dúas modificacións puntuais -non substanciais- ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (aprobado definitivamente o 4 de xuño de 2010), co fin de adaptar os preceptos normativos á nova realidade que emerxe a raíz das modificacións das tipoloxías edificatorias e das novas necesidades da veciñanza; así como clarificar a regulación do réxime das obras en edificacións que se atopan fóra de ordenación ou de desconformidade co planeamento. 

Así, a Modificación Puntual nº 2 do PXOM propón cambios puntuais na normativa actual, sen que se alteren nin a clasificación nin a cualificación das parcelas situadas en solo urbano consolidado e en solo de núcleo rural. A modificación busca unha actualización e mellora da regulación urbanística existente, para responder ás transformacións no territorio e ás demandas sociais, sen modificar os usos ou as características principais do solo afectado. 

Neste senso, permitirase unha maior flexibilidade na implantación das edificacións principais dentro da parcela edificable, pasando así dos actuais 25 primeiros metros ata os 50 metros dende a aliñación oficial. Este cambio débese, fundamentalmente, ás necesidades observadas na cidadanía polo cambio na tipoloxía das edificacións, onde agora está crecendo as de planta baixa. 

Tamén se vai permitir a implementación de cubertas planas no solo de núcleo rural, na súa área de extensión (N2). Esta proposta busca facilitar o desenvolvemento arquitectónico dentro destas zonas rurais, asegurando a integración dos novos usos nas paisaxes e contextos rurais sen comprometer o contorno natural nin a calidade visual da área. Búscase, polo tanto, equilibrar a preservación do patrimonio arquitectónico tradicional xunto coas novas demandas e necesidades actuais. 

Por último, esta Modificación Puntual nº 2 tamén contempla a eliminación da prohibición de edificar en parcelas en función da pendente natural da mesma. Ata o de agora, a pendente máxima permitida era do 30%, o que producía agravios comparativos, xa que era un mero condicionante físico ao deseño arquitectónico da vivenda. Agora, con esta eliminación, a construción proxectada terase que adaptar á realidade física do terreo, fomentando así un desenvolvemento urbanístico máis harmonioso e respectuoso, sen comprometer a calidade estética nin a funcionalidade das vivendas. 

No tocante á Modificación Puntual nº 3, esta inclúe e clarifica a regulación do réxime das obras en edificios que se atopan en situación de fóra de ordenación e de desconformidade co planeamento, conforme ao artigo 90 da Lei do solo de Galicia. Así, esta normativa tamén abrangue os edificios que, aínda sendo resultado de infraccións urbanísticas, xa se atopen prescritos. O obxectivo deste cambio é establecer un marco normativo máis preciso e detallado que facilite a intervención en dita tipoloxía de edificios, garantindo a súa adecuación ás condicións legais e urbanísticas actuais sen menoscabar os dereitos dos seus propietarios. 

Neste senso, nos edificios en fóra de ordenación a modificación puntual introduce este réxime, que admite as obras de conservación e mantemento, e as necesarias para manter as condicións de seguridade, salubridade, accesibilidade e ornato. Así mesmo, admítese a nova implantación ou cambio de usos ou actividades dentro dos admitidos pola norma zonal aplicable, sempre que se realice mediante as obras permitidas nesta situación.

Nos edificios en desconformidade co planeamento clarifícase o réxime de obras permitido, admitíndose todas as obras en edificios existentes permitidas na norma zonal aplicable; e as obras de ampliación, quedando a zona ampliada suxeita ao cumprimento das condicións das obras de nova edificación. 

Outros temas tratados

Neste Pleno do mes de marzo tamén se aprobou de forma definitiva a cesión gratuíta á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia da parcela SAUR-2, localizada na rúa Cernadelo (As Galanas-Calo), para a construción de vivendas de promoción pública. 

Tamén se aprobou unha modificación de crédito de 106.565,95 euros, co obxecto de poder aboar a condena da sentencia imposta polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 de Santiago de Compostela pola demanda interposta pola empresa Aquafit Gestion SL na data do 27 de febreiro de 2023. 

Por último, aprobouse a emenda presentada polo Partido Popular á moción do Grupo Municipal do PSOE, onde se insta á Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia a que garanta a cobertura da praza de pediatría no centro de saúde de Cacheiras a tempo completo, sempre que existan profesionais dispoñibles. Tamén se solicita ao Goberno central que permita aos gobernos das Comunidades Autónomas formar os especialistas para poder contar con máis profesionais nos distintos ámbitos e especialidades. 

foto