O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O avance nas obras de prolongación da autovía Santiago-A Estrada (AG-59) fará necesario o corte de tráfico do enlace da Ramallosa a partir do luns 14 de xullo. Así, a afección comezará este luns e manterase ata o 5 de setembro, un período acaído ao considerar os datos de tráfico que indican que é a época do ano con menor intensidade. Pecharase o treito entre o enlace dos Verxeles e o da Ramallosa e o tráfico desviarase cara á estrada AC-841 por unha estrada de titularidade da Deputación da Coruña.
Este corte é necesario para acadar unha maior seguridade dos usuarios da autovía e dos traballadores da obra para poder avanzar cara ao final da execución da primeira fase da prolongación da autovía entre A Ramallosa e A Estrada. Así, o peche da circulación permitirá finalizar a plataforma no enlace ata a capa intermedia de aglomerado, quedando só pendente o estendido da capa de rodaxe xunto co resto do tronco da autovía.
Cómpre lembrar que inicialmente este enlace se licitara na obra como semienlace, pero a petición do actual equipo de Goberno de Teo modificouse a súa configuración para permitir todos os movementos, o que tamén se materializará no enlace final do treito na AC-241. No seu día, a alcaldesa Lucía Calvo de la Uz xa agradecera a implicación da Xunta con Teo, xa que a pesar dun acordo plenario de 2018 da anterior Corporación municipal onde se pedía que se eliminasen os enlaces, conseguíuse modificar o proxecto para que se poideran levar a cabo estes dobles enlaces. Unha cuestión que tamén fora demandada polos propios veciños e empresarios da zona, así como pola actual Corporación municipal.
A Xunta segue avanzando nas obras de prolongación da autovía AG-59, entre Ramallosa e Pontevea, coa previsión de finalizalo este ano e cun investimento de máis de 33 M€. Ademais, o Goberno galego tamén ten en marcha o proxecto para a última fase desta autovía, entre Pontevea e O Rollo, de 4 km e cun investimento de máis de 30 M€.
Unha vez rematados os 7,5 km da prolongación desta autovía, libre de peaxe, os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada reduciranse a 10 minutos, ademais de mellorar a seguridade viaria, tras un investimento global de máis de 67 M€.