O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Declaración Institucional con motivo do Día Internacional da Muller 2025

| compartir:

Como cada 8 de marzo, conmemoramos o Día Internacional das Mulleres. Unha data instaurada por primeira vez fai 50 anos pola Organización das Nacións Unidas. E que en palabras da ONU, "refírese ás mulleres correntes como artífice da historia e afunde as súas raíces na loita plurisecular por participar na sociedade en pé de igualdade cos homes".

Este 2025, o 8 de marzo cobra especial relevancia xa que se cumpren 30 anos da Declaración e Plataforma de Acción de Beijing, o plan para promover os dereitos das mulleres e as nenas en todo o mundo.

Neste sentido, ainda recoñecendo que a situación avanzou en diferentes ámbitos da sociedade, os progresos non foron homoxéneos e por iso persisten as desigualdades entre mulleres e homes e segue habendo obstáculos que supoñen consecuencias negativas a todos os niveis.

Por isto mesmo, e para seguir dando pasos adiante, a sociedade no seu conxunto debe unirse e cooperar para combater estas limitacións e que as mulleres de todo o mundo acaden a igualdade de dereitos e liberdades. Para poder logralo, os poderes públicos temos a obriga de adoptar políticas baixo a transversalidade de xénero coas que facer real a igualdade económica, social e cultural e conseguir unha sociedade máis democrática, xusta, solidaria e igualitaria.

Nesas políticas públicas son prioritarias medidas coas que poder eliminar todas as formas de discriminación contra mulleres e nenas así como suprimir todas as barreiras de xénero que imposibilitan a igualdade real e efectiva, xa que na actualidade, as mulleres e as nenas seguen atopándose con barreiras de xénero en diferentes eidos da sociedade como o emprego e o ascenso cara posicións de liderado nas organizacións. Por iso, e aínda que Galicia é un dos lugares de España con máis mulleres en postos directivos, o certo é que en todos os países do mundo queda moito por avanzar para que as mulleres poidan desenvolver carreiras duradeiras e seguir rachando cos teitos de cristal. Neste punto, é importante salientar a necesidade de seguir avanzando en materia de conciliación e corresponsabilidade para que ser nai ou ter unha persoa dependente ao cargo non supoña un prexuízo por razón de xénero.

É necesario reinvindicar en datas como a do 8 de marzo a loita e a persistencia de todas as mulleres que traballaron e se esforzaron por facer deste mundo un lugar máis igualitario. A valentía de todas elas lémbranos que outro mundo é posible. E, sobre todo, que é posible se todas as mulleres e toda a sociedade o fai ao unísono. Escoitar e facer valer as súas voces, experiencias e achegas, significa derrubar todas as barreiras que impiden o exercicio dos seus dereitos e con iso erradicar calquera tipo de violencia e discriminación na súa contra. 

Por iso debemos tamén condenar calquera comentario ou acción machista ou sexista que poida supoñer un paso atrás no avance cara unha sociedade libre de discriminacións e desigualdades polo feito de ser mulleres ou nenas. E facelo independentemente de cal sexa a nosas cor política ou ideoloxía xa que é un ben común. E temos que reivindicalo porque ainda recentemente se viu como unha organización sindical difundiu un cartel de crítica á conselleira de Política Social e Igualdade cun indubidable carácter machista e sexista e situacións coma esta non debemos permitila ningún grupo político.

Hai que seguir apostando por accións de sensibilización e de reflexión nos que a sociedade, e sobre todo a xente moza como xeración do presente e do futuro, sexa consciente das limitacións e das discriminacións que seguen a existir por razón de xénero.

Ante todo isto, nesta data, o Concello de Teo MANIFESTA

  1. Expresar o seu total rexeitamento a calquera tipo de mensaxe ou acción que supoña unha discriminación ou violencia polo feito de ser mulleres.

  2. Impulsar iniciativas para visibilizar ou galardoar a traxectoria de mulleres referentes.

  3. Solicitar financiamento á Xunta de Galicia e ao Goberno central para impulsar actividades que favorezan a corresponsabilidade e a conciliación imprescindible para garantir a igualdade de oportunidades.

  4. Promover campañas de sensibilización accesibles a toda a poboación en materia de igualdade nos que se busque, entre outros aspectos, erradicar a linguaxe sexista.

  5. Reforzar os recursos para os Centros de Información á Muller, que son de titularidade municipal.

Solicitamos tamén no Pleno Municipal á Xunta de Galicia que reforzase as políticas en prol da igualdade, que achegase máis financiamento aos concellos para desenvolver programas de conciliación, que facilite ferramentas aos CIM. Que impulse a presenza de mulleres en sectores empresariais e fomente a formación destas en sectores científicos e tecnolóxicos. E que impulse o emprendemento feminino.

Tamén neste mesmo Pleno solicitamos do Goberno do Estado que aumente o orzamento de servizos e programas destinados á promoción da igualdade e a corresponsabilidade e que fomente a participación das mulleres na toma de decisións e na elaboración de estratexias para o seu empoderamento. Que observen o cumprimento de non discriminación por razón de sexo e, en especial, as derivadas da maternidade, a asunción de obrigas familiares e o estado civil. 

O goberno do Estado debe reforzar a protección das mulleres fronte aos contidos sexistas difundidos a través de tecnoloxías da información e da comunicación que supoñan intromisións ilexítimas no dereito fundamental á intimidade persoal ou familiar ou á propia imaxe das mulleres. E solicitamos tamén que se atenda a demanda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e da Xunta de Galicia para a creación de cinco novos xulgados exclusivos contra a Violencia de Xénero en Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol.

cartel