O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Esta semana comezaron os traballos de limpeza da área arqueolóxica do Monte Piquiño e revisión dos petróglifos da Ruta Homologada PR-G 238, un percorrido circular de 11,87 km que discorre entre a Capela de Cornide e os chans e outeiros do Monte Piquiño situados entre as parroquias de Luou, Rarís e Lampai.
Así, comeza unha das actuacións máis ambiciosas en prol da posta en valor do patrimonio cultural no Concello de Teo que permitirá contemplar esta paisaxe cultural única con vestixios de comunidades que habitaron estes outeiros e chans dende o Neolítico ata a Idade do Bronce, invisible polo mato e oculta á cidadanía ata actualidade.
Este proxecto está recollido no Plan Director do Parque Compostela Rupestre, que promove a Deputación Provincial da Coruña e os concellos de Teo, Ames, Brión, Santiago de Compostela e Val do Dubra. O obxectivo é garantir a conservación e favorecer a posta en valor da arte rupestre da comarca de Compostela e doutros bens culturais da súa contorna, tal e como acontece cos túmulos megalíticos do Monte Piquiño.
A pasada semana realizáronse as visitas previas para definir con precisión as áreas a intervir segundo o estipulado. Así, os técnicos da Deputación, arqueólogos de Citania, técnicos forestais e técnicos municipais visitaron as diferentes zonas de rozado que incluirán cinco grandes áreas da necrópole megalítica que engloban ata 17 mámoas desta área arqueolóxica.
A actuación consistirá na limpeza da área integral de protección de cada xacemento e a súa área de amortecemento, tal como contempla o inventario arqueolóxico do PXOM de Teo e o Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia. Tamén se contempla a ampliación das áreas de protección dos principais petróglifos da ruta como Río Angueira 1, Outeiro de Corno 1, O Fondao ou A Pena Bicuda de Loureiro, que inclúe tamén a retirada dalgunhas árbores que están a ameazar a conservación das laxes con gravados.
Finalmente acondicionarase un novo sendeiro no Monte Piquiño que permitirá vincular esta nova área coa ruta dos petróglifos, o que permitirá aos visitantes e sendeiristas non só contemplar as estacións rupestres senón tamén a gran maioría das mámoas, moitas delas situadas en liña ou agrupadas moi preto da ruta actual.
Estes traballos realizaranse sobre terreos de titularidade municipal e privada. De feito, cóntase coa pertinente autorización dos propietarios -solicitada no ano 2022- e cos permisos da Dirección Xeral de Patrimonio, Resolución do 13 de decembro de 2024 que autoriza ao arqueólogo Roberto Aboal Fernández a supervisar os traballos de control arqueolóxico.
Grazas ás xestións municipais destes últimos meses logrouse ampliar a superficie inicial que contemplaba inicialmente o Plan Director. Isto beneficiará a futura posta en valor deste “parque arqueolóxico do Monte Piquiño”, como un “lugar de gran significación arqueolóxica, patrimonial e paisaxística”. O Plan Director establece, con posterioridade, a súa posterior valorización social e recolle unha serie de elementos comúns con outras áreas de interese patrimonial da comarca, como a valorización dos bens culturais conxuntamente coa súa contorna medioambiental, o acondicionamento dos xacementos para a súa visita (colocación de plataformas, eliminación de barreiras visuais), a instalación de sinais de dirección e interpretación, creación de zonas de estacionamento, etc.
Por último, informamos as propietarios das parcelas e demais interesados que poderán consultar os planos do proxecto de roza e zonas a intervir nas dependencias de Concello.