O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Posta en valor da área recreativa do Xirimbao

| compartir:

A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañou esta mañá á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, na súa visita á area recreativa do Xirimbao. Así, cabe destacar que o Goberno galego vén realizando un importante esforzo para a posta en valor e mellora desta área, localizada entre a ponte colgante e a presa do Couso, na marxe dereita do río Ulla, con actuacións de mellora e rehabilitación que suman un investimento de case 450.000 euros nos últimos anos.

Durante a visita a este espazo puideron comprobar o resultado das últimas actuacións executadas pola Consellería. Neste sentido, en 2023 levouse a cabo a reparación do edificio do refuxio de pescadores do Couto e entre os anos 2022 e 2024, no marco do proxecto Mil Ríos financiado con fondos europeos do programa NextGenerationUE, desenvolvéronse diversas accións de mellora na ribeira do Ulla, que incluíron a eliminación da especie invasora Robinia pseudoacacia e de plantas ornamentais coñecidas como tuyas da marxe fluvial, tanto dentro como fóra da finca do Xirimbao.

En colaboración co Concello de Teo, estes exemplares invasores foron eliminados do espazo recreativo, favorecendo tamén deste xeito o estado das dúas árbores senlleiras que alberga, dúas sequoias localizadas ao carón do refuxio.

En canto aos traballos que se atopan actualmente en marcha, destaca a obra na escala de peixes da presa do Xirimbao, que inclúe unha estación de control da fauna piscícola e a instalación dun contador automático de exemplares.

Así mesmo, no marco das actuacións de mellora e mantemento en pontes colgantes programadas pola Consellería en varios puntos de Galicia, cabe sinalar que a pasarela do Xirimbao será unha das intervencións previstas para este ano. De feito, aproveitando a visita comprobouse sobre o terreo as actuacións previas que xa se están a realizar na contorna da ponte colgante, como paso previo á intervención integral que se executará nesta infraestrutura.

Árbores senlleiras

Por último e tras salientar que outro dos atractivos desta área recreativa son as dúas sequoias vermellas incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras desde abril de 2023, a conselleira lembrou que de cara a garantir a protección deste tipo de elementos, a Xunta pon á disposición dos seus propietarios desde hai anos dúas liñas de axudas para contribuír á súa conservación e posta en valor.

De feito, o Concello de Teo recibiu da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático unha achega para protexer as dúas sequoias senlleiras do Xirimbao no marco da convocatoria do ano pasado.

Neste sentido, lembrar que o pasado 8 de xaneiro xa se publicaron no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria de achegas, estando aberto o prazo para a presentación de solicitudes por parte tanto dos propietarios particulares como das entidades locais titulares dalgunha das 202 árbores e formacións senlleiras que actualmente forman parte do referido catálogo. 

foto