O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
Presentouse esta mañá ás 11 :00 horas no Salón de actos do IES de Cacheiras o I V Festival de teatro escolar do IES de Cacheiras, que se celebrará o domingo, 6 de abril, na Área Recreativa do Xirimbao e no Auditorio Constante Liste da Ramallosa.
Este evento está organizado pola A ula de Teatro do IES de Cacheiras, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, o Departamento de Vicedirección e Actividades Extraescolares e conta coa colaboración do Concello de Teo e do Centro Cultural A Ponte Vella, de Pontevea. Na presentación participaron a alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, a concelleira de Educación, María Vázquez, a concelleira de Cultura, Margarita Rosende, a directora do IES de Cacheiras, Olga Simón, a técnica de Cultura, Lucía Mosquera, e alumnado de Educación Secundaria que protagoniza o roteiro e a actuación; así como o profesorado coordinador da Aula de Teatro, María Xesús Rodríguez, Xosé Eixo e David Rodríguez.
Participarán nesta xornada cultural máis de cen actores e actrices de tres aulas de teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Teo, Palas de Rei e Touro ). O programa deste Festival é o seguinte:
Haberá un roteiro teatral, musical e poético ás 16:30 horas na área recreativa do Xirimbao que estará protagonizado polo Centro Cultural A Pontevella, de Pontevea, alumnado, familias, veciñanza e profesorado do instituto.
Un roteiro teatral no que se percorrerán lugares significativos do Xirimbao, ao tempo que se lembra a historia máis antiga e a recente. Combinará música, teatro, poesía e xogos e persegue varios obxectivos: achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión do tecido cultural das xeracións que nos precederon, a posta en práctica dunha educación inclusiva e adaptada á diversidade do alumnado. Nos diferentes recunchos da área recreativa do Xirimbao asistirase a un roteiro teatral no que se xuntan e relacionan persoas de todas as xeracións nun espazo lúdico de celebración; nunha convivencia e transmisión de saberes e experiencias extraordinarias. Un evento singular que une á xente e apega á terra, que busca converternos en dignos herdeiros de quen propiciou sermos o que somos, que busca podermos mirar aos ollos agradecidos a quen nos criou e aplaudirlles.
Ás 19:30 horas, no auditorio Constante Liste da Ramallosa, a Aula de Teatro do IES de Cacheiras, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei e a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Teatro porán en escena o espectáculo Historias Enguedelladas.
Un espectáculo que desenvolve unha aposta decidida a través de varias historias tradicionais teatralizadas, por valores esenciais como: a defensa da biodiversidade, o respecto polo medioambiente e pola diferenza, a reivindicación da cultura, da paz e do diálogo, a tolerancia, a solidariedade con aqueles seres humanos que máis sofren, a inclusión daquelas persoas con capacidades diversas…
O teatro serve, nesta ocasión, como ferramenta lúdica para reflexionar sobre a educación que recibimos a través dos contos populares, que posibilitan que nos introduzamos no mundo do xogo, no coñecemento da vida dos antepasados, no achegamento a un fascinante mundo rural que baila, que ri, que soña e que vibra de emoción.
Este festival permite que o alumnado das tres Aulas de teatro interactúe e propicia que amose conxuntamente o traballo realizado durante o curso teatral, que se desenvolve ao longo do curso académico 2024/25 nas tres localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 6 de febreiro no Teatro Principal de Ourense, continuou no XVI Festival Galego de Teatro Escolar de Touro, o 15 de marzo; o XVII Festival de Galego de Teatro Escolar de Palas de Rei, o 29 de marzo, e seguirá en Corella (Navarra), Menorca (Baleares); Muros e Brión.
A Aula de Teatro do IES de Cacheiras realizará tamén un intercambio co Collège Léopold Sedar Senghor en Caen (Francia). Así, un total de 21 alumnos e alumnas do IES de Cacheiras viaxarán entre o 30 de marzo e o 5 de abril a Caen para realizar un intercambio co alumnado francés desta localidade, que nos visitará en marzo do 2026.
Este novo proxecto de internacionalización, que ten como obxectivo enriquecer a práctica educativa a través do intercambio cultural entre ambos centros, xira en torno ao teatro como medio de mellora da competencia lingüística e fomento da inclusión e da equidade educativa.
Alumnado galego e francés crearán un espectáculo teatral conxunto, O Principiño, que se presentará para as comunidades educativas de ambos centros e para o alumnado do IES Antón Losada Diéguez da Estrada; pois a escenografía desta obra foi realizada polo alumnado do Ciclo de Madeira dese centro educativo.
O espectador asistirá á fascinante historia do principiño dramatizada e intrerpretada por alumnado francés e galego conxuntamente en catro idiomas: galego, castelán, francés e inglés. Todo comeza no asteroide do Principiño, onde esta vivía con tres volcáns e se entretiña arrincando as malas herbas e vendo as postas de sol. Un día, no chan do asteroide, nace unha flor. O principiño cóidaa e aténdea, pero a flor é dramática e caprichosa, e isto moléstalle. Entón decide abandoar o seu fogar e emprender unha viaxe polo universo na procura dun amigo…
O xoves, 3 de abril, presentarase en Caen, en maio na Estrada e en marzo do vindeiro curso no auditorio da Ramallosa e no Teatro Principal da Estrada.
Utilizaranse metodoloxías activas e cooperativas vinculadas ao uso de actividades lúdicas que contribúan de maneira firme a acadar un maior dominio das linguas por parte do alumnado e unha maior seguridade e autocontrol de un mesmo. Favorecerase a desinhibición, a creatividade, a autoestima equilibrada, a mellora no ámbito académico e na vida persoal dos participantes.
O alumnado participante pertence a 3º e 4º ESO PDC e á Aula de Teatro do IES de Cacheiras. Os profesores, Ozanne Bossé, Afonso García e Mª Xesús Rodríguez son os coordinadores desta iniciativa, que está financiada en parte polo Programa EduExchanges de intercambio presencial de alumnado con centros educativos doutros países durante o curso 2024/2025 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
A Aula de Teatro impulsa a estimulación das capacidades, potencialidades e responsabilidades sociais traballando en colaboración coas familias, veciñanza, asociacións culturais e outros membros da comunidade educativa (profesorado, persoal non docente...). Ofrece, así mesmo, unha resposta operativa á diversidade e participa activamente na posta en práctica da cultura de valores inclusivos presentes no centro e na sociedade; tal e como se reflicte, por exemplo, en actuacións como as dos Centros de Maiores ou na actuación solidaria da Fundación Meniños, de apoio á infancia, no Teatro Principal de Ourense. Un ensino inclusivo, con actividades inclusivas, é, en definitiva o camiño para crear unha sociedade inclusiva.