O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Presentado o XIII Festival Atlántica 2025 con cinco actuacións programadas en Teo

| compartir:

O Festival Atlántica vén de presentar estemartes, 17de xuño, o programa completo da súa décimo terceira edición, que se vai celebrar entre o 28 de xuño e o 6 de xullo. Na rolda de prensa participaron Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xosé Penas, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago; e Soledad Felloza, directora de Atlántica. Ademais, tamén acudiron ao evento numerosos representantes de concellos e entidades colaboradoras do festival, entre elas a concelleira de Cultura e Educación de Teo, Margarita Rosende, e a técnica de Cultura, Lucía Mosquera. 

Nesta edición cómpore destacar a celebración de sesións mixtas interxeracionais nas que artistas sobranceiros compartirán escenario con novos talentos que, en moitos casos, contarán nun festival profesional por primeira vez. Estas sesións combinadas -como as de Dani Lago e a escocesa Inés Álvarez, Aída Cobas con Miguel Gouveia de Portugal e Carmen Conde ou Nuria Vázquez e a valenciana Paula Carbonell- buscan crear espazos reais para dar a alternativa ás novas voces da narración oral. 

Outra vía de traballo son proxectos como o recente Mapa de Seres Máxicos do Reino de Galicia, con guión de Manuel Gago e ilustracións de Leandro Lamas. Un proxecto para todos os públicos, divulgativo e visual que da conta da riqueza e diversidade da tradición oral galega a través de 34 seres máxicos. Deseñado para ser contado e reimaxinado en familia, o mapa axuda a manter viva esa parte do patrimonio inmaterial galego, contribuíndo a evitar a súa desaparición pero tamén a atopar un oco na nosa nova sociedade. 

Ademais, por primeira vez, o festival establece acordos coas universidades galegas para impulsar accións formativas e abrir espazos de formación artística e de xestión cultural arredor da narración oral. Unha colaboración que se engade ás que xa mantén con máis de 30 entidades culturais e museos, tecendo unha rede de sinerxías que reforzan o vínculo co territorio e coas súas comunidades.

O XIII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña, así como ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, Pazos de Borbén, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo, Vilalba, Vimianzo, Teo e a Fundación Pública Camilo José Cela.

Actuacións en Teo

No concello de Teo serán cinco as actuacións levadas a cabo no marco deste festival. A primeira delas será o mércores, 2 de xullo, no parque dos Tilos, co contacontos familiar “Artiloxios”, de Oswaldo Pai (Aragón). O xoves, 3 de xullo, haberá outro contacontos no CRA de Casalonga: “Garavanciña”, de Bea Campos (Galicia). O venres 4 será a quenda de Aída Cobas (GAlicia), co seu contacontos familiar "A fada do saco verde", no CEIP A Ramallosa.

Para público adulto haberá dúas actuacións. Unha o propio venres, 4 de xullo, na antiga escola de nenas de Agoso (Oza), da man de Miguel Gouveia (Portugal) co seu contacontos “Vénme ao bico un conto”. E para rematar esta XIII edición do Festival Atlántica en Teo, o contacontos "Vicio houbo sempre", de Atenea García (Galicia) na Aldea de Penelas o sábado 5 de xullo. 

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.