O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025 

Teo continúa coa tramitación de dúas modificacións puntuais non substanciais ao PXOM logo dos informes sectoriais favorables

| compartir:

O Pleno do Concello de Teo aprobou onte de forma provisional as dúas modificacións puntuais nº2 e nº3 -non substanciais- ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, logo de recibir de forma favorable os informes sectoriais. Cabe sinalar que ambas modificacións foran aprobadas de forma inicial no Pleno de marzo. Así, agora toca remitilas á Xunta de Galicia para a emisión do correspondente informe preceptivo por parte da Dirección Xeral de Urbanismo e, finalmente, serán remitidas de novo ao Pleno municipal para a súa aprobación final. 

As dúas modificacións pretenden adaptar os preceptos normativos á nova realidade que emerxe a raíz das modificacións das tipoloxías edificatorias e das novas necesidades da veciñanza; así como clarificar a regulación do réxime das obras en edificacións que se atopan fóra de ordenación ou de desconformidade co planeamento. 

Así, a Modificación Puntual nº2 do PXOM busca permitir unha maior flexibilidade na implantación das edificacións principais dentro da parcela edificable, pasando así dos actuais 25 primeiros metros ata os 50 metros dende a aliñación oficial. Tamén vai permitir a implementación de cubertas planas no solo de núcleo rural, na súa área de extensión (N2), facilitando así o desenvolvemento arquitectónico dentro destas zonas rurais. Por último, tamén contempla a eliminación da prohibición de edificar en parcelas en función da pendente natural da mesma. Ata o de agora, a pendente máxima permitida era do 30%, o que producía agravios comparativos, xa que era un mero condicionante físico ao deseño arquitectónico da vivenda. Agora, con esta eliminación, a construción proxectada terase que adaptar á realidade física do terreo, fomentando así un desenvolvemento urbanístico máis harmonioso e respectuoso, sen comprometer a calidade estética nin a funcionalidade das vivendas. 

No tocante á Modificación Puntual nº 3, esta inclúe e clarifica a regulación do réxime das obras en edificios que se atopan en situación de fóra de ordenación e de desconformidade co planeamento, conforme ao artigo 90 da Lei do solo de Galicia. Así, esta normativa tamén abrangue os edificios que, aínda sendo resultado de infraccións urbanísticas, xa se atopen prescritos. O obxectivo deste cambio é establecer un marco normativo máis preciso e detallado que facilite a intervención en dita tipoloxía de edificios, garantindo a súa adecuación ás condicións legais e urbanísticas actuais sen menoscabar os dereitos dos seus propietarios. 

Outros temas tratados

Neste Pleno de setembro tamén se aprobou a Conta Xeral 2024 do Concello, logo de estar exposta ao público e non recibir ningunha reclamación. Agora será remitida ao Tribunal de Contas, ao Consello de Contas de Galicia e ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, tal e como establece a normativa vixente. 

Tamén quedaron ratificadas a proposta de Alcaldía sobre o proxecto de “afirmado e acondicionamento do viario municipal entre San Domingo e Luou”, incluído no Plan Complementario 2025 – POS Adicional 2/2025; así como o acordo de delegación da Inspección do Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) e da taxa de licenza urbanística na Deputación Provincial da Coruña.

foto