O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Teo participa un ano máis na organización do Club de Debate Alingua xunto a outros 11 concellos galegos

| compartir:

Esta semana deu comezo a formación, impartida por Tono Formoso e Roberto Noguerol, para os equipos que participarán na vindeira edición do Club de Debate Alingua. 

Así, hoxe achegáronse ata o concello de Rois os equipos de Teo, Carballo, Dodro, Ribeira, Santa Comba, Santiago de Compostela e Rois. Onte foi a quenda dos equipos de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa e mañá, mércores, serán os equipos de Ferrol, Narón e Pontedeume. 

A dita formación consistiu en dous bloques de contidos (un sobre habilidades comunicativas e outro de documentación, construción do argumentario e refutación) e un simulacro de debate sobre o tema “As redes sociais separan máis que unen”. 


A que será a XII edición con este formato e coordinada nos Servizos de Normalización Lingüística municipais respectivos, agrupa 12 concellos, 32 equipos, 265 mozos e mozas estudantes e un total de 300 persoas incluíndo ao profesorado que preparan os equipos. No caso de Teo son tres equipos conformados por un total de 21 rapaces e rapazas que cursan 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato do IES de Cacheiras. 

Proxecto de dinamización lingüística

O Club de Debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade no que participan varios concellos galegos en colaboración cos centros de ensino. Está dirixido a rapaces e rapazas (os equipos deben ser mixtos) de 3º e 4º de ESO, 1º de bacharelato ou alumnado de ciclos formativos que teña como máximo 18 anos. 

Entre os obxectivos da iniciativa está favorecer o uso do galego oral en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia que se xera). O deseño do programa fai fincapé en cuestión como o traballo en equipo e o fomento do pensamento crítico, a tolerancia, a diversidade de opinión, etc. e traballa a oratoria e as habilidades comunicativas.

Dinámica do torneo

A dinámica consiste nun torneo por equipos, organizado como unha competición deportiva, na que os debates se producen dous a dous. Todos os equipos teñen que preparar e defender dúas posicións respecto ao tema proposto –a favor e en contra–. 

Os equipos gañadores de cada fase clasificatoria, que nesta edición terán lugar en Ribeira os días 24, 25 e 26 de febreiro e o 28 en Narón, competirán na final -o 26 de abril en Vilagarcía de Arousa- cos procedentes das outras fases.

foto