O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Concello de Teo, a través do seu Departamento de Urbanismo, pon en valor o seu Xeoportal, unha potente ferramenta en liña onde toda persoa pode consultar a información urbanística deste termo municipal. Así, esta aplicación dixital, situada na propia páxina web municipal do Concello, naceu para achegar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) á cidadanía, visibilizar os avances no desenvolvemento urbanístico e fomentar unha xestión máis transparente e participativa do territorio.
Neste senso, o Concello dixitalizou todo o Plan permitindo a calquera persoa acceder aos documentos do Plan Xeral vixente e saber que se pode facer en calquera lugar do municipio. Así, todo aquel interesado poderá buscar a información do Plan de maneira directa sobre o mapa ou mediante a referencia catastral, o lugar ou o enderezo postal; co fin de poder coñecer as características dunha parcela ao momento, xunto con toda a información relativa ao tipo de solo, afección urbanística ou mesmo se se pode construír nela. Ademais, en cada apartado hai un vídeo tutorial onde se explica de maneira moi fácil e directa a procura da información, co fin de facilitarlle a búsqueda á persoa usuaria desta ferramenta.
Contidos de interese
As ferramentas que xa están en marcha dentro do Xeoportal son varias e outras están en proceso de elaboración. Así, a aplicación “O PXOM nun Clic”, redeseñada con novas funcionalidades e cartografía actualizada (parroquias, concentracións parcelarias, Plan Básico Autonómico (PBA), eixes viarios e límites municipais), facilita unha comprensión máis clara do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Coa aplicación SIUDEL, as persoas teñen á súa disposición unha biblioteca dixital que centraliza a consulta e descarga das figuras de planeamento urbanístico do Concello. Coa aplicación de concentracións parcelarias, os usuarios poden visualizar, consultar e descargar información sobre estes procesos de reorganización do territorio en Teo. O Xeoportal de Teo tamén inclúe información actualizada e detallada sobre o rueiro urbano, con máis de 10.000 portais xeorreferenciados actualmente.
Así mesmo, os usuarios tamén poderán acceder á información sobre os elementos catalogados do PXOM e as súas áreas de protección, as cales están accesibles nuha capa do SIX. Así, ao pinchar no mapa sobre o elemento desexado desprégase unha ficha coas consideracións comúns, a normativa de aplicación e a propia ficha detallada en formato PDF con fotografía, mapa e datos do elemento.
Por último, o Concello está traballando en dúas novas aplicacións, unha sobre expedientes urbanos, onde se busca optimizar o seguimento e a xestión de licenzas e expedientes, permitindo coñecer o estado das solicitudes en tempo real; e a outra sobre Augas de Teo, a cal centralizará a información para permitir a súa actualización e visualización.