O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello vén de licitar o contrato de actuacións de saneamento e pavimentación na Casalonga, por un importe de case 200.000 euros con fondos do POS+ 2024. Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 25 de febreiro para presentar as súas ofertas e teñen toda a información na Plataforma de Contratación do Estado.
As obras consistirán na canalización de augas pluviais, claramente insuficiente para a cantidade de auga que se recolle nese punto. Así, incrementarase a capacidade hidráulica do tubo, cunha pendente moi limitada pola orografía e a profundidade do punto de desaugue. Ademais, proxectaranse dous colectores para a recollida das augas pluviais e dotarase o pavimento das pendentes transversais que permitan a correcta evacuación ata os sumidoiros.
Así mesmo, dotarase a todas as parcelas, tanto as edificadas na actualidade como as que se edifiquen no futuro, dunha acometida con arqueta rexistrable ao pé do límite da parcela. E rematarase a dita actuación coa limpeza e perfilado das cunetas ás que se desembocan todas as pluviais.
Por outra banda, o contrato tamén inclúe o saneamento de augas residuais. Actualmente, a rede existente atópase nun estado moi deteriorado e cuxo mantemento se complica debido á profundidade á que discorre. Ademais das filtracións no terreo e os atascos habituais que se forman debido ás zonas con pendente insuficiente.
Para iso, proxectarase un pozo de bombeo prefabricado con dúas bombas monofásicas de residuais. Esta actuación dotará tamén a todas as parcelas dunha acometida de fecais rexistrable en espazo público, ademais de modificar a colocación das que requiren cambios para adaptarse á nova rede.
Tamén se renovarán as redes de saneamento, deixando prevista unha nova canalización para o abastecemento de auga, suficiente para dotar a todas as parcelas que se atopan ocupadas por vivendas e, incluso, ás que se prevé que poidan edificarse nos vindeiros anos. Neste senso, deixaranse ao pé da parcela as súas respectivas acometidas, coas súas válvulas de paso en conexión.
Por último, o contrato tamén inclúe a dotación e a posta en valor dunha parcela municipal para o desfrute da veciñanza. Así, na confluencia entre as dúas rúas, nas que se bifurca o tronco principal da obra, atópase unha pequena parcela municipal que se dotará de árbores e bancos, co fin de que a veciñanza teña un punto de encontro.
Toda a información do proxectos está na Plataforma de Contratos do Estado.