O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

As Toupas de Teo visitan os centros educativos para escoitar os asuntos que preocupan á infancia e á adolescencia

| compartir:

O dereito á participación da infancia e adolescencia foi o tema sobre o que as Toupas de Teo, integrantes do Foro de participación de infancia e adolescencia traballaron durante este curso, que comezou no mes de setembro e remata a finais de maio. Ademais de reflexionar sobre as características que debe ter a participación infantil e adolescente a nivel municipal para que esta sexa efectiva escolleron poñer en marcha unha acción co obxectivo de que as actividades municipais dirixidas á infancia e adolescencia chegaran mellor á rapazada do noso concello, como base principal para facilitar o acceso ás mesmas. Para isto, deseñaron uns taboleiros para colocar nos centros educativos de educación primaria e instituto que servirán tamén para visibilizar a accións promovidas polo grupo de participación “as Toupas de Teo”, e recoller a opinión do alumnado de xeito mensual sobre diferentes temas que afectan á infancia e adolescencia e así poder trasladar mellor as súas necesidades ao equipo de goberno municipal.

As Toupas estiveron onte nos centros educativos de primaria co alumnado de 4º, 5º e 6º presentándolles un reto, atopar unha toupa que anda agochada polo seu centro educativo, e animando así a quenes antes a atopen serán os primeiros en saber o que pasa no noso concello e poderán responder a unha pregunta con pegatinas que atoparán nun sobre. A semana que ven terá lugar a difusión dos taboleiros entre o alumnado de ESO e Bacharelato no IES de Cacheiras. Neste caso, as Toupas reuniranse coas delegadas e delegados de todos os cursos para presentarlles o mesmo reto. Nos taboleiros, o alumnado tamén poderá atopar outras seccións como “buzóns de ideas” e o correo electrónico que o concello de Teo puxo en marcha recentemente toupasdeteo@teo.gal, para poñerse en contacto coas Toupas e servir tamén como canle de escoita dos asuntos que preocupan á infancia e adolescencia.

O día 19 de maio as Toupas de Teo terán ocasión de contar no Consello Local de Infancia e Adolescencia (CLIA) como foi o traballo deste curso, así como saber o estado das propostas presentadas no mes de novembro de 2024, xa que este órgano de participación infantil e adolescente está formado por responsables políticos nas distintas áreas de goberno. Conta tamén con representación de todos os grupos políticos, das anpas dos centros educativos, profesorado e da Asociación Arcostilos. Para pechar a sesión as Toupas de Teo e demais membros do CLIA poderán desfrutar dunha cata de queixos, unha actividade dirixida por Salomé Beiroa Fernández, experta en análise sensorial de produtos lácteos con distintivo de calidade.

Outros órganos de participación no concello de Teo son a Mesa de Coordinación Interna e a Mesa comunitaria de infancia, ambolos dous creados co obxectivo de analizar, avaliar e dar resposta de xeito periódico as necesidades da infancia e adolescencia de xeito tranversal, tanto a nivel interno do concello como a nivel comunitario. Así, está previsto que o próximo día 13 de maio se reúna a Mesa de coordinación interna e no mes de xuño a Mesa comunitaria de infancia.

foto