O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo vén de renovar o convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) en materia de asesoramento enerxético e atención do punto de información para a veciñanza do concello. A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, e a profesora adscrita ao Departamento de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Rosa María Regueiro, formalizaron hoxe a dita renovación na Casa Consistorial.
Así, a prestación deste servizo seguirase realizando un ano máis coa intención de manter informados os veciños e veciñas de Teo sobre as facturas eléctricas e, este ano, tamén inclúe análise e revisión das tarifas do servizo de gas. Neste senso, o servizo que se ofrece é de aconsellar á veciñanza e informarlles das alternativas existentes para conseguir aforros nas facturas eléctricas e de gas, así como outras posibles melloras nas prestacións.
Ademais, a veciñanza de Teo poderá seguir consultando se pode solicitar o bono social eléctrico e cales son os requisitos que debe cumprir unha persoa para ser considerada consumidora vulnerable.