O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o 3 de setembro de 2025
A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañada pola concelleira de Cultura e Turismo, Margarita Rosende, e o arquiveiro municipal, Pablo Sanmartín, superivsaron os traballos de embelecemento na contorna do cruceiro do Campo da Festa de Luou. En concreto, esta intervención supón a finalización da obra de restauración xeral deste cruceiro (1761), que comezou en 2022 coa limpeza xeral do cruceiro e restauración da mesa de altar, continuou en 2023-2024 coa restauración da reixa modernista de 1904 e rematou agora coa bancada e pavimentación do chan na contorna do monumento. Esta última intervención tiña como obxectivo colocar un lousado e unha bancada a dobre altura para pechar este espazo sen actuar sobre o monumento.
O obxectivo é protexer o conxunto histórico e, asemade, que o cruceiro sexa, como antano, un punto de encontro, de lecer, de descanso e mesmo de reunión no corazón do antigo campo da festa. Un lugar privilexiado no que poder sentarse e descansar desfrutando deste espazo natural e patrimonial con vistas ao cruceiro e á igrexa.
Durante todo o proceso de restauración contouse co mesmo equipo, formada polo técnico - conservador e restaurador de bens culturais, Xabier Bernárdez, e polo canteiro e escultor, especialista na restauración deste tipo de bens da arte popular, José Conde de Rois. Son os mesmos responsables das intervencións realizadas na Cruz da Florida e no Cruceiro de Freixeiro, os cales tamén precisaron deste tipo de finalización do espazo inmediato ao ben cultural. En todos eles se avaliaron os resultados finais e, dende o Concello, considerouse que as obras estiveron ben executadas e respectando os proxectos aprobados pola Dirección Xeral de Patrimonio.
A alcaldesa puxo en valor o resultado acadado neste cruceiro do Campo da Festa de Luou, que potencia aínda máis a beleza da zona e ofrece un lugar máxico para os lugareños e os visitantes. Así mesmo, salientou que desde o Concello se está traballando na conservación e visibilización do patrimonio cultural e arquitectónico do municipio, para dar a coñecer un tesouro que debe ser valorado por todos.
