O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañou esta mañá ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na súa visita ao centro de saúde dos Tilos para supervisar o desenvolvemento do programa formativo Redcasa (Rede de capacitación sanitaria). Este programa formativo busca mellorar a resposta ante emerxencias cardiovasculares dos profesionais de atención primaria. De feito, máis de 630 profesionais de atención primaria da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza participan no programa, que o vindeiro ano se estenderá a outras áreas sanitarias.
Na visita tamén estiveron o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, Salvador Mariño-Ageitos; o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; o xerente da área sanitaria, Ángel Facio; e o concelleiro de Servizos Sociais do Concello, Juan Cerqueiro.
O conselleiro incidiu en que a realización inmediata de manobras de reanimación cardiopulmonar ante unha parada cardiorrespiratoria pode duplicar as posibilidades de supervivencia do paciente. Por iso remarcou a importancia de que os profesionais de atención primaria reforcen as súas habilidades, a toma de decisións e a coordinación entre o equipo asistencial nos casos dunha parada cardiorrespiratoria.
O programa Redcasa permite levar a formación ao propio lugar de traballo dos profesionais dos centros de saúde e dentro da súa xornada laboral, empregando tecnoloxía de simulación clínica avanzada que permite reproducir situacións reais de emerxencia. As accións formativas teñen unha duración de 2 horas e 15 minutos e son realizadas en grupos, normalmente de oito profesionais, que se adestran na identificación dos signos de alarma, nas manobras de reanimación cardiopulmonar e no uso de desfibriladores.
A previsión da Xunta é impartir 79 sesións formativas nos centros de saúde da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza para chegar a 632 profesionais. En 2027, prevese estender esta iniciativa a outras áreas sanitarias. Esta formación tamén se está a desenvolver cos profesionais dos puntos de atención continuada, que, neste caso, se forman nas instalacións da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde. A previsión é que, antes de que remate o ano, se complete a formación en todos os PAC da comunidade.
Trátase, en definitiva, de incorporar o adestramento sistemático á actividade habitual dos profesionais do Servizo Galego de Saúde co fin de mellorar a calidade asistencial e a seguridade dos pacientes. A ese respecto, tanto o conselleiro como a alcaldesa agradeceron aos profesionais de atención primaria a súa implicación no programa e o traballo que desenvolven cada día nos centros de saúde.