O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

GOLDI LIBRE, AUTORRETRATO DUN INSUBMISO NOS CÁRCERES DE FELIPE GONZÁLEZ ESTRÉASE O 13 DE OUTUBRO EN TEO

| compartir:

Goldi Libre, autorretrato dun insubmiso nos cárceres de Felipe González é o primeiro proxecto creado na Berberecheira, o criadeiro teatral custodiado por Chévere, compañía residente no Concello. O espectáculo estréase o xoves 13 de outubro ás 21.00 h. no CSC A Ramallosa (Teo).

Goldi libre é un traballo de teatro documento sobre o movemento de insubmisión, un dos primeiros e máis fortes movementos de desobediencia civil xurdidos despois da Transición en España, que levou a centos de mozos ao cárcere como presos de conciencia e que tivo como consecuencia a suspensión do servizo militar obrigatorio despois de máis de 150 anos de vixencia.

 

Un traballo feito a partir da memoria, a experiencia persoal e o testemuño de César Goldi, veciño de Teo e actor que en 1993 foi xulgado e condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, cumprindo a condena no cárcere da Coruña.

 

Dende unha perspectiva autocrítica, distanciada e irreverente, a obra ofrece ademais unha panorámica desenfadada do activismo social e político da esquerda dos anos 80 e 90 do século XX, cuestionando algúns dos mitos da loita antimilitarista.Goldi Libre pretende conectar a memoria individual coa memoria colectiva dunha xeración e co imaxinario dunha época a través dun dispositivo especificamente teatral.

 

Goldi Libre poderase ver os días 13, 14, 20 e 21 de outubro ás 21.00 h. no Auditorio Constante Liste na Ramallosa. As entradas para as funcións de Teo están xa á venda no web http://redenasa.tv, así como nos seguintes locais: Café SCQ (Santiago), Panificadora San José (Cacheiras), A Santa Sede (A Ramallosa) e A Senra (Pontevea). 

 

Ficha artística

En escena: César Goldi. Dramaturxia, dirección: Xron. Xefa de produción/asistencia dirección: Patricia de Lorenzo. Escrita: César Goldi, Xron, Manuel Cortés. Escenografía, atrezzo, vestiario: Berberecheira. Deseño de iluminación: Fidel Vázquez. Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo. Comunicación: Xana García. Audiencia: maiores de 12 anos. Duración: 85 minutos, aproximadamente

 

A Berberecheira é un banco marisqueiro enriquecido polas mareas que entran por unha Boca do Río aberta na praia de Carnota (A Coruña). Un criadeiro natural custodiado por xentes da zona para uso propio e goce do resto do mundo. De aí nace a idea desta outra Berberecheira teatral:• un espazo para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva que desbordan o núcleo estable da compañía,• un laboratorio de creación sustentado en redes estables de cooperación,• un lugar de encontro e diálogo entre creadores, públicos e axentes culturais.Unha iniciativa que utiliza como soporte a estrutura, os medios, o coñecemento, a experiencia e a proxección de Chévere co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que nos tocou vivir. Un proxecto que forma parte do plan de residencia que Chévere desenvolve co apoio do Concello de Teo.

goldi libre