O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

HOMENAXE A CONSTANTE LISTE O VINDEIRO LUNS 3, OCTOXÉSIMO ANIVERSARIO DO SEU ASASINATO

| compartir:

O Concello homenaxea o vindeiro luns, 3 de outubro, a Constante Liste Forján, cando se cumpren oitenta anos do fusilamento do primeiro tenente de alcalde da última corporación republicana do municipio. Os actos están organizados polo Concello coa colaboración da Asociación Irmáns Liste Forján.

O principal acto de recoñecemento público será unha mesa redonda coa presenza dos historiadores e investigadores Luis Lamela, Miguel Cabo e Rocío Botana. Desenvolverase a partir das 20:00 horas do luns no Salón de Plenos da Casa do Concello. Nas súas intervencións, detallarán a biografía de Liste Forján, os feitos que derivaron no seu asasinato e o contexto histórico no que se produciron.

 

Coincidindo tamén con este octoxésimo aniversario, a actual corporación de Teo debate e vota na sesión plenaria desta tarde unha proposta para que o Centro Sociocultural da Ramallosa pase a denominarse Auditorio Constante Liste. Esta iniciativa pretende “contribuír á necesaria restauración histórica dunha lexitimidade violentada pola forza das armas e dunha memoria que non pode esquecer os fillos e fillas deste pobo que deron a súa vida pola democracia e a liberdade”.

 

Único integrante da corporación republicana fusilado

Constante Liste Forján, que nacera en Ameneiro en 1900, pertencía a unha familia de canteiros da parroquia de Calo. Emigrou moi novo a Cuba e alí traballou co seu pai. Despois retornaría. Foi presidente do Sindicato de Oficios Varios de Teo-Ames. Dirixiu a publicación mensual ‘La Tribuna’, creada en 1934 e da que non se conserva ningunha das súas cinco edicións. Formou parte da corporación municipal de Teo entre o 16 de marzo e o 4 de agosto de 1936, co cargo de primeiro tenente de alcalde.

 

Tras o golpe de estado do 18 de xullo de 1936, a súa familia comezou a ser perseguida e represaliada por cuestións ideolóxicas, vítima da maquinaria de represión que o franquismo puxo en marcha desde o primeiro momento. Constante acudiu a interesarse polo seu irmán Faustino, ao que prenderan no cárcere situado nos baixos do Pazo de Raxoi, e aos poucos días, no mesmo mes de xullo, foi detido el tamén. Faustino foi fusilado en Boisaca o 12 de setembro de 1936 e a Constante asasinárono na noite do 2 ao 3 de outubro. Deixaba muller e seis fillos.

 

Aínda a día de hoxe descoñécese onde está o corpo de Constante Liste. A declaración xudicial do seu falecemento produciuse en 1999, posto que tanto el como seu irmán seguían figurando como “desaparecidos durante a guerra civil”. O seu certificado de defunción elaborouse coa data errónea do 19 de xullo de 1936, o día despois do inicio do golpe de estado.

 

Constante era o maior de sete irmáns. Entre eles está Jesús Liste, quen despois sería coñecido como Enrique Líster, xeneral do exército republicano e figura moi destacada do Partido Comunista de España. Este faleceu en 1994. Por decisión da corporación local tomada en 2003, a rúa de Calo onde se sitúa a súa casa natal recibiu o nome de ‘Rúa Irmáns Liste Forján’.

constante liste