O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O CONCELLO MOSTRA O SEU PESAR POLO FALECEMENTO DE FERNANDO ACUÑA CASTROVIEJO

| compartir:

O Concello mostra o seu fondo pesar polo falecemento de Fernando Acuña Castroviejo, catedrático de Arqueoloxía na Universidade de Santiago e veciño de Cacheiras desde 1989. O Concello destaca e agradece o seu amplo labor la investigación, difusión, promoción e defensa do patrimonio cultural de Teo, máis a valiosa colaboración coa Administración local, mediante a cesión de importantes fondos documentais e bibliográficos para o Arquivo Municipal.

Acuña Castroviejo desenvolveu investigacións de gran relevancia sobre o patrimonio arqueolóxico de Teo. Cabe destacar os descubrimentos do petróglifo do Monte do Río de Angueira en Luou en 1969 e das mámoas de Montouto, xa desaparecidas, que estudou en 1968 en conxunto con José Manuel González Reboredo e Manuel Carlos García Martínez. Tamén o seu traballo de 1971 sobre o Castro Lupario, nos termos de Teo, Brión e Rois, con Milagros Cavada Nieto. Todas estas achegas foron publicadas polo Caderno de Estudos Galegos.

 

Nado en Santiago en 1945 e licenciado en Filosofía e Letras (Historia) en 1968 pola USC, Acuña Castroviejo doutorouse en 1973 e era catedrático de Arqueoloxía na propia USC desde 1987, despois de ter realizado estadías como bolseiro en Roma, Bonn, Berlín e Lodz. Ao longo da súa traxectoria profesional, realizou numerosas excavacións en castros galegos e portugueses (O Neixón, Castro Real, Monte Mozinho e A Facha), e noutros xacementos medievais como as Torres do Oeste, en Catoira, e o da Rocha Forte, en Santiago.

 

Como docente universitario, dirixiu numerosas teses de licenciatura e de doutoramento e diferentes proxectos de investigación sobre a ocupación castrexa e a plástica galaico-romana. Foi membro do claustro universitario, da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Historia e Director do Departamento de Historia I nas etapas 1986-1995 e 2003-2007.

 

Acuña Castroviejo pertencía a institucións como o Museo do Pobo Galego, a Real Academia de Belas Artes e o Pedrón de Ouro. Era asesor de diferentes revistas e sumaba máis de 150 publicacións, entre artigos, libros e folletos sobre cultura castrexa, arte romana, epigrafía, numismática e arqueoloxía medieval. 

teo arqueoloxía