O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O GRUPO CHÉVERE RECOLLE O PREMIO NACIONAL DE TEATRO

| compartir:

A compañía de teatro Chévere recibiu esta mañá na Catedral de Palencia o Premio Nacional de Teatro 2014. Os integrantes do grupo, inmersos na preparación dos seus proxectos creativos, non puideron achegarse a recollelo e delegaron no Concello de Teo, do que a compañía é residente. A institución local estivo representada polo primeiro tenente de alcalde, Ignacio Iglesias, e pola concelleira de Cultura, Pilar Faxil. O acto, no que se entregaron os premios de 2014 e 2015, contou coa presenza dos Reis de España e do ministro de Educación, Cultura e Deportes.

No seu día, o xurado argumentaba a concesión do premio, dotado con 30.000 euros, na capacidade de Chévere para transgredir xéneros e pola súa vertente humorística e participativa. Valoraba especialmente a súa “coherente traxectoria de creación colectiva baseada en fontes do teatro documento e na transgresión de xéneros”, así como a súa constante conexión coa realidade social e económica. Outro dos méritos que recoñece o premio é o “forte compromiso” da compañía co ámbito cultural galego, sobre o que asenta a súa “crecente proxección internacional”.

 

Ignacio Iglesias e Pilar Faxil destacaron a relevancia que este recoñecemento ten para a compañía residente no Concello e para a aposta que o goberno teense efectuou nos últimos anos por ofrecer unha programación teatral da máxima calidade e á vez capaz de atraer tanto á poboación do municipio como ao numeroso público doutras localidades que se achega a ver as representacións de Chévere ao Centro Sociocultural da Ramallosa.

 

Contrato como compañía residente

Precisamente, a recepción do Premio Nacional de Teatro coincide coa sinatura, este mediodía, do contrato entre o Concello e Chévere para ser a compañía residente por dous anos máis, prorrogables por un terceiro. A entidade foi seleccionada nun concurso público. Deste xeito, o Concello garante a continuidade dunha programación de actividades culturais estable e con prestixio.

 

Coa sinatura deste contrato, o goberno municipal que encabeza Rafael Sisto explica que Chévere seguirá contribuíndo ao desenvolvemento cultural do concello, cun proxecto teatral recoñecido internacionalmente e capaz de rendibilizar o uso das infraestruturas culturais municipais.

 

Volven as Ultranoites

A nova etapa na relación entre o Concello e Chévere comeza coa oferta de catro Ultranoites neste mes de xuño. Vanse representar no Centro Sociocultural da Ramallosa os venres 3 e 10 e os sábados 4 e 11. As entradas están á venda por adiantado nos establecementos A Santa Sede, A Capilla, A Senra e Panadaría San José, así como na páxina web http://redenasa.tv. Tamén se poden obter na taquilla o propio día da función.

 

Sobre Chévere

O grupo Chévere naceu en 1987, polo que o vindeiro ano cumprirá tres décadas. Dende a súa creación, tense convertido nunha referencia no mundo escénico galego, destacando a apertura da Sala Nasa no 1992 onde estrea todas as súa obras. Nos anos 90 realiza máis de 200 funcións en España e Portugal co musical Río Bravo. No 1995-96 estrea Annus Horríbilis, con temporada en Madrid e Barcelona onde recibe o Premio da Crítica de Barcelona. No 2005-06 Chévere co-produce para a TVG a serie “Pepe o Inglés”. Posteriormente viría a coprodución da longametraxe “Crebinsky” e as obras Testosterona e Citizen. En 2012 trasládase ao Concello de Teo como compañía residente, abandonando a Sala Nasa. ‘Eroski Paraíso’ é o seu gran espectáculo máis recente, o primeiro tras a concesión do premio recollido hoxe.

premio teatro chévere