O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O MERCADO DO ALIMENTO LABREGO CELEBRA ESTE SÁBADO O SEU CUARTO ANIVERSARIO

| compartir:

O Mercado do Alimento Labrego celebra este sábado 11 de xuño o seu cuarto aniversario cunha programación especial. A Praza dos Tilos na que cada semana se celebra esta cita acollerá actividades infantís e unha actuación da Banda de Música de Teo. Ademais dos postos habituais, estarán varios máis convidados ´con alimentación doutras comarcas e artigos de artesanía, máis instalarase unha cantina que ofrecerá elaboracións do propio mercado a prezos simbólicos.

En concreto, o mercado abrirá ás 10:00 horas, a súa hora habitual. Unha hora despois, comezarán as actividades e xogos de animación para nenos e nenas. A mediodía, comezará a soar a música da Banda de Teo. O peche do Mercado do Alimento Labrego será, como sempre, ás 14:00 horas. Na cantina ofrecerase a posibilidade de degustar un bolo especial do aniversario, preparado polos propios produtores e vendedores para todas as persoas que se acheguen.

 

Bo para a saúde e para a economía local 

Quique Bolo, secretario da asociación que agrupa a quincena produtores-vendedores do mercado, explica que “celebramos que conseguimos manternos catro anos, que hai moita xente que mellorou os seus hábitos de alimentación vindo ao mercado e que o Concello de Teo sigue apostando por un proxecto de economía local e sostible, de alimentación saudable, de fortalecer á vez a economía e a saúde na zona”.

 

Bolo afirma que este modelo de mercados ten unha considerable demanda social, pese a que o xeito de vida que impera entre a cidadanía “tende a deixarnos sen tempo e recluír algo tan básico como a alimentación, de maneira que hai xente que deixa de cociñar, non merca produtos frescos e come elaboracións precociñadas”. O Mercado do Alimento Labrego de Teo eríxese así como unha alternativa ao sistema das grandes superficies que “ofrecen alimentos que viaxan milleiros de quilómetros, en mans de multinacionais e transnacionais ás que lles importa máis o beneficio que a saúde, que utilizan agrotóxicos sen os controis que existen en Europa e aplican condicións laborais moi precarias”, sostén Bolo.

 

Sen embargo, o secretario da entidade organizadora admite a evolución dun mercado así é lenta e “para dalo por asentado teñen que pasar aínda máis anos, décadas”. Bolo razoa que “aínda habendo demanda social, é moi difícil levar a cabo o mercado porque, ao ser de produción propia, mentres vendes non estás producindo e mentres produces non estás vendendo”.

 

Balance de éxito

Pola súa parte, Dolores Lea, unha das produtoras e vendedoras que está no mercado desde o principio, considera que “o balance destes catro anos é positivo, un éxito” e cre que “o mercado está asentado con clientes de todas as idades, desde nenos ata maiores, que valoran o sabor, a cercanía e o valor do local”. “Somos un mercado diferente, só de alimentación con produtos de tempada –engade Lea-, o que lle dá aínda máis valor ao éxito de ter chegado ata aquí”.

 

Esta produtora e vendedora salienta ademais a función pedagóxica do Mercado do Alimento Labrego, posto que moitos dos compradores aprenderon a distinguir cando é o momento de consumir cada produto e a non pedir nada fóra de tempada. Os clientes valoran que a pegada ecolóxica do mercado resulta tamén mínima, ao tratarse de produtos procedentes de hortas de Teo e da comarca, cultivados nos modelos de agricultura ecolóxica, sostible ou de produción caseira.

 

Dinamización social

O Mercado do Alimento Labrego de Teo resulta ademais un espazo de interrelación e dinamización social. Ademais das ocasións especiais, como o aniversario deste vindeiro sábado, no primeiro mercado de cada mes os postos habituais compleméntanse coa cantina na que os clientes poden probar petiscos elaborados polos propios produtores e produtoras. En datas puntuais acoden tamén, como convidados, postos de artesanía.

mercado alimentos