O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Concello de Teo, como cada 19 de agosto, homenaxeou a figura de Ánxel Casal e a todas as vítimas da infamia. Nesta xornada lembrouse particularmente as vítimas dos atentados terroristas en Cataluña. Antes da lectura da declaración institucional gardouse un minuto de silencio.
Ao acto asistiron representantes institucionais dos Concellos de Arzúa, Coruña, Santiago e Teo ademais de concelleiros/as teenses e de decenas de veciños e veciñas. Os encargados de ler a declaración institucional foron a concelleira de Arzúa, Pilar Castro, o concelleiro de Coruña, Alberto Lema, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega e o alcalde de Teo, Rafael Sisto.
Declaración institucional acto en lembranza de Ánxel Casal e das vítimas da violencia política
Hoxe, como cada ano, os e as representantes institucionais dos concellos de Arzúa, Santiago, A Coruña e Teo, unidos polo regueiro fértil da vida e da morte de Ánxel Casal, acudimos aquí, a unha gabia da estrada de Montouto na que os criminais que o pasearon tiraron o seu corpo, para lembrar a súa entrega, para chorar o seu asasinato e para sentar os chanzos dun futuro no que a barbarie, o fascismo e a intransixencia política ou relixiosa non teñan acubillo.
Este ano, a nosa cita tínguese de novo co sangue inocente, coa sen razón do odio que cegou as Ramblas de Barcelona e espallou por outras vilas catalás. A dor da cidade irmá é a nosa dor, a súa impotencia é a nosa impotencia, do mesmo xeito que é nosa a súa determinación para seguir a ser unha cidade aberta ao mundo, valente e solidaria en palabras da súa alcaldesa, á que lle trasladamos o noso pesar e o noso alento colectivo.
O odio que alimenta o atentado de Barcelona é o mesmo que acabou coa vida de Ánxel Casal: o odio da imposición, do fanatismo, da uniformidade, o odio contra o que pensa distinto, contra o dereito dos demais, contra a liberdade e a democracia. Por iso reivindicamos a Ánxel Casal e a todas as vítimas do levantamento militar de 1936, e por iso reclamamos o dereito a recuperar a Memoria, a que as vítimas do golpe de estado que acabou coa democracia, que quebrou a orde constitucional republicana sexan recoñecidas como tales.
Este recoñecemento que reclamamos conleva a denuncia e condena social e xudicial das persoas que propiciaron ou colaboraron naquel levantamento e a persecución dos seus apoloxistas. Así, un estado democrático non pode permitirse a existencia legal de fundacións que glorifican o ditador e vanalizan os seus asasinatos. Do mesmo xeito que esiximos esta condena, proclamamos a necesidade de construír unha sociedade baseada no diálogo, o respecto, a liberdade, a igualdade e a non discriminación social ou económica, único xeito de evitar que se produzan no futuro feitos lutuosos coma os que hoxe choramos.
Teo, 19 de agosto de 2017