O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Concello lembra que o prazo de alegacións á nova delimitación de estradas autonómicas remata o 12

| compartir:

A concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, e o alcalde de Teo, Rafael Sisto, asistiron onte á xuntanza veciñal convocada polo Concello na Casa Común de Oza para informar da nova delimitación de estradas autonómicas impulsada pola Xunta de Galicia. Este proceso estase facendo en Teo e noutros 30 concellos da provincia. Na reunión tamén estivo o edil do BNG, Manuel Anxo Fernández, e numerosos propietarios.

Na xuntanza explicouse que esta acción da Xunta modifica de facto a situación urbanística de moitas propiedades nos núcleos afectados. En Teo os núcleos son: Cobas (AC-537); Penelas e Tras do Eixo (AG-58 e AG-59); A Devesa, A Torre, Castres, O Piro, Chaves e Lucí (AG-59), A Florida, Chao do Río e A Igrexa de Reis (AC-841 e AC-242); Valiñas (AC-242); e Vilar de Teo, Xermeade, Fontelo e Vilachaíño (AC-241).

Dende Urbanismo valórase que hai ó redor de vintecinco vivendas que quedan fóra de ordenación e máis de cincuenta fincas que pasan de edificables a non edificables. Este estudo da Xunta está en exposición pública e o período de alegacións remata o 12 de xaneiro.

Dende o propio Concello xa se mandaron as alegacións que non evita as que deben presentar os particulares para a defensa dos seus intereses. No Departamento de Urbanismo do Concello síguese informando e asesorando estes días sobre este tema.

Na mañá de onte a edil de Urbanismo tamén estivo na Dirección Xeral de Infraestruturas co subdirector Carlos Lefler, responsable do estudo técnico desta nova delimitación. Lemus explica que “na xuntanza coa Xunta recoñecen que no estudo hai erros e indicaron que se presenten alegacións”. De todas maneiras “temos poucas garantías de que eses erros sexan corrixidos ou subsanados”. “Tamén se acordou que dende Infraestruturas da Xunta falaran co departamento de Urbanismo da Xunta, na Consellería do lado, para buscar solucións” indica a edil. A modificación do PXOM de Teo da que fala a Xunta neste tema “só levaría a cconsolidar no PXOM as limitacións impostas por este estudo pouco riguroso realizado por encargo da Consellería”.

Dende o Concello enténdese que esta delimitación debería terse feito tendo en conta, como mínimo, as aliñacións que si están recollidas no PXOM actual, aprobado pola Xunta con informe favorable de Infraestruturas.

Podes consultar a información da Delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural na Rede Autonómica de Estradas de Galicia, no Concelo de Teo premendo aquí

Consulta aquí as alegacións ao estudo presentadas polo Concello de Teo

autovía

Arquivos descargables

Attachment Size
Alegacion Concello de Teo.pdf 1.32 MB