O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O 31 de marzo remata o prazo para solicitar novo ingreso nas escolas infantís

| compartir:

O Concello abre o prazo para solicitar praza nas escolas infantís municipais (EEIIMMs) de Teo para o vindeiro curso 2021-22. Teo conta con tres centros públicos, as escolas infantís de Calo, Os Tilos e A Ramallosa.

O prazo para solicitar a renovación nas escolas vai dende o 1 ao 15 de marzo. A reserva é para os/as nenos/as que xa están asistindo a algunha das escolas e cuxos membros da unidade familiar se atopen empadroados no Concello. Neste caso os impresos de solicitude xa serán entregados nas escolas pero deberanse entregar por rexistro, ben a través da sede electrónica ou no Rexistro xeral do Concello nas oficinas municipais. O impreso de reserva de praza tamén se pode descargar premendo aquí

Novo ingreso

Por outra banda o prazo para solicitar praza de novo ingreso nas EEIIMMs será dende o día 16 ata o 31 de marzo (ambos incluídos). Esta é a modalidade para os/as nenos/as que non estean asistindo a ningunha das escolas, xa nados ou que teñan unha data prevista de parto que sexa anterior ao 1 de xuño. Os impresos poderanse recoller nas escolas infantís municipais, nos servizos sociais ou descargar premendo aquí. As correspondentes solicitudes poderán presentarse tanto no Rexistro Xeral do Concello como a través da sede electrónica.

No caso dos solicitantes de novo ingreso, a solicitude debidamente cuberta, deber ir acompañada da seguinte documentación mínima: fotocopia do libro de familia; fotocopia do DNI de ambos os dous membros parentais ou responsables legais; declaracións da renda do exercicio anterior ou certificado negativo relativo á obriga de efectuar declaración do IRPF no que se faga constar os ingresos da persoas responsables legais e a acreditación do seguimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación (novidade con respecto a anos anteriores).

E en casos nos que se deba xustificar algunha circunstancia específica pode ser preciso achegar: libro de familia numerosa; certificado de cualificación da discapacidade e/ou informe médico de saúde; informe do equipo de valoración da discapacidade, en caso de prazas de integración; xustificación de familia monoparental (núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análogo á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo, sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento) ou outros documentos nos que consten incidencias familiares económicas e sociais puntuables no baremo.

Calendario vacinación

Este ano como novidade pídese no formulario de solicitude de praza que se indique se o/a neno/as se atopa ao día no seguimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación. Tamén se debe marcar o apartado que indica que no momento de presentar a matrícula se vai achegar xustificación documental ao respecto, comprometéndose á súa actualización no momento en que sexa necesario. Esta novidade inclúese en aplicación do establecido na Lei 5/2021, do 2 de febreiro de impulso demográfico de Galicia (publicada no DOG nº26, do 09/02/2021), concretamente no artigo 48 sobre condicións de acceso a servizos de atención á infancia 0-3 anos de titularidade pública.

Horario de tarde

Dende Benestar informan de que na escola infantil dos Tilos, no próximo curso, o horario de tarde será só ata as 18:00 horas. Deste xeito se algunha familia solicitante ten necesidade dun horario de tarde despois das 18:00 horas debe facer a solicitude de praza para a escola da Ramallosa ou de Calo. Segundo explican dende o servizo fíxose unha análise da ocupación de tarde no centro dos Tilos e acordouse optimizar o servizo nestas últimas horas do día, sempre garantindo que haberá algún dos centros abertos para atender a demanda existente. 

Prazas na actualidade

Neste momento na quenda de mañá, a escola infantil municipal de Calo dispón de 56 prazas, a da Ramallosa de 74 e a dos Tilos de 41, distribuídas en niveis de idade de ata un ano, de un a dous anos e de dous a tres anos. En Calo dispoñen de 8 prazas para o primeiro grupo, 13 para o segundo e 20 para o terceiro, ademais dun internivel con 15 prazas. Na Ramallosa neste curso os grupos son de 8, 26 e 40 prazas. Nos Tilos as prazas repártense en 8, 13 e 20 por cada grupo.

Este reparto no é fixo e pode variar para adaptarse mellor á realidade da demanda do vindeiro curso.

Para calquera consulta ou dúbida sobre este procedemento poden dirixirse ao correo electrónico: eimteo@teo.gal ou aos seguintes teléfonos dos Servizos Sociais: 881819356 ou 981.809.707

Diverteo Semana Santa

En relación coa conciliación infórmase tamén de que está aberta a inscrición ata o 10 de marzo para o Diverteo de Semana Santa que se celebrará os días 29, 30, 31 de marzo e 5 de abril nos CEIPs de Calo, Os Tilos e A Ramallosa en horario de 07:30 a 15:30 con xantar ou só ata as 14:00 horas sen xantar. Para solicitar praza no Diverteo hai que entregar a ficha de inscrición no Rexistro xeral do Concello ou a través da Sede electrónica. Pódese descargar a ficha premendo aquí ou recoller nas oficinas municipais. A lista provisional de persoas admitidas publicarase o 12 de marzo.

Máis información sobre a inscrición no Diverteo Semana Santa premendo aquí.