O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Volve o San Martiño!

| compartir:

O Concello celebra a feira cabalar do San Martiño o 11 de novembro, evento que o ano pasado non se puido celebrar por mor da pandemia. ”Este ano haberá música, haberá artesanía, haberá polbo e sobre todo haberá cabalos!!” indica María López, concelleira de Turismo e Cultura.

A feira cabalar celébrase en Francos o 11 de novembro e leva celebrándose dende o século XV. A pandemia obrigou a cancelar a celebración o ano pasado máis este ano volve con forza e sobre todo “coa intención de reivindicar o carácter rural e cabalar da feria, e farémolo cunha zona de artesás zoqueiras convidadas” sinala María López.

Música 

Dende Turismo xa se pechou unha programación que oferta actividades ao redor do San Martiño nos días previos á feira e na véspera, datas na que xa estarán instaladas as carpas dos polbeiros. A carpa institucional, colocada detrás da Casa Común de Francos en fronte do lavadoiro, será o centro destas accións.

A música foi protagonista nas xornadas previas co concerto de Pauliña o sábado 6 ás 20:30 e coa actuación dos d´Abaixo na véspera da feira tamén ás 21:00 horas. A banda folk conta entre os seus integrantes con referentes da música galega que veñen de Berrogüeto e Fía na Roca e cun integrante de Teo. Xogan na casa e de seguro que encherán a previa á feria de bo ritmo e boa música. As entradas para este concerto están esgotadas. 

Artesanía 

No día da feira a carpa institucional contará con mercado tradicional e haberá tamén artesanía, viños teenses, mercado labrego e demostración zoqueira como artesanía convidada coa presenza de Elena Ferro. Tamén estará, na entrada da feira, a Barraca de Barriga Verde.

A artesanía será unha das grandes protagonistas do espazo institucional. Contaremos con pezas dos seguintes artesáns: Elena Ferro, Obradoiro de Gaitas Xeroca, Pablo Seoane Instrumentos, TresOficios Ebanistería, Olga Novias, Brigantia Orfebres, Oli Xiráldez, Rosa Méndez, Macala joyas de autora, Ferraxe de Prata, Pablo Leal Metalistería, Floriforma, Iago Salgado Instrumentos tradidionais, Obradoiro Seoane, Xiralúa Estudio Creativo, Silvereira, Spacio B e Delicias de Bohemia. Algúns deles venderán durante a feira. 

As bodegas presentes na carpa son Adeda Gómez&Rial, Castro de Abalar, Eira da Porta, Viñas Marecaste, Adega Mar de Envero e Viñas Chouzal. 

A barraca de Barriga Verde estará instalada entre a Casa Común de Francos e a Capela. O seu programa comeza ás 10:30 h. con Dona Barriga Verde de Larraitx Prod. Artísticas. Ás 11:30 será o momento da peza Barriga Verde ataca de novo de Títeres Alakrán. Ás 12:15 h veremos O cego dos Monifates de Viravolta Títeres na porta da Barraca. Ás 13:00 h. volverá a facerse unha sesión de Dona Barriga Verde e ás 16:00 h peche Barriga Verde ataca de novo. Antes de cada función haberá espectáculos de animación no exterior. O acceso aos espectáculos é de balde por orde de chegada. 

E teremos animación musical co Cego na feira con Oli Xiráldez e coas sobremesas cantareiras de Ce Orquestra Pantasma e o grupo Os Roncos da SR de Calo. 

Aparcamento disuasorio

O Concello habilitou un aparcamento disuasoiro na N-550 o día da feria con servizo de autobús de balde dende ese espazo ata a carballeira. O aparcamento está entre o Restaurante Cierto Blanco e o Bar Tía María e o servizo de traslado funcionará dende as 09:00 ata as 18:00 horas. Máis información premendo aquí

Olladas do San Martiño

Dende Turismo tamén se programou este ano a iniciativa Olladas do San Martiño. “Queremos ver a feira a través de tres miradas distintas e queremos facelo nas redes sociais, porque alí tamén se vive unha feira histórica e tradicional como o noso San Martiño” explica a concelleira María López.

Os fotógrafos encargados de achegarnos o seu xeito de mirar serán o fotoxornalista Óscar Corral en instagram @oscarcorralfoto, Noel Feáns a persoa que está detrás da páxina en instagram @paisaxesgalegas e Charo Lopes en redes @umalopes.

O día do San Martiño vivirán a feira e irán compartindo en redes as súas imaxes para que os que non poidan estar poidan igualmente desfrutala. A intención é logo poder facer unha recopilación dese traballo e editar un libro de fotos.

Dende Turismo de Teo convidan a todas as persoas que se acheguen á feria a compartir imaxes nas súas redes co cancelo #SanMartiñoTeo2021 para facer máis grande e universal a feira! 

Viva o San Martiño!

san martiñobando


 

San martiño

Arquivos descargables