O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

A Deputación incumpre o seu compromiso co Concello na mellora da estrada de Luou

| compartir:

A Deputación da Coruña incumpre as súas obrigas na mellora da vía DP-0205 ao seu paso pola parroquia de Luou. Así mesmo tamén “esquece” reiteradamente os compromisos adquiridos co Concello para a mellora desa vía.

A estrada DP-0205 é unha vía provincial que vén de Bertamiráns e cruza parte do Concello de Teo ata a Ramallosa. No tramo que pasa pola parroquia de Luou a estrada mantén unhas características que a fan moi perigosa xa que é moi estreita e ten varias zonas de curvas.

O alcalde de Teo, Rafael Sisto, mantiña unha reunión o ano pasado co presidente da Deputación, Valentín González, no que a Deputación se comprometeu a dúas cousas. Por unha banda a redacción do proxecto da ampliación da estrada DP-0205 entre Cornide e o Aido en dúas fases: a primeira delas entre a igrexa de Luou e a ponte do Aido, comprometéndose á contratación do proxecto durante o 2021. Por outra banda a executar a recuperación do espazo urbano e paisaxístico da carballeira de Luou mediante a sinatura dun convenio de colaboración económica.

Nesa xuntanza acordouse que o Concello redactaría o proxecto básico para a recuperación do espazo da carballeira e pediría as autorizacións a Patrimonio. Unha vez realizados estes trámites solicitouse unha entrevisa co presidente no mes de abril para seguir avanzando na tramitación do acordado. Diante da imposibilidade de ser recibido por Valentín González, hoxe o alcalde mantivo unha reunión co deputado de vías e obras, José Manuel Pequeño, da que saiu profudamente decepcionado e preocupado.

“O presidente da Deputación non ten palabra xa que máis dun ano despois da última xuntanza non fixeron nada e non teñen previsión de facer nada na mellora desa vía” indica o alcalde de Teo. “O desprezo á veciñanza de Teo é absolutamente manifesto” destaca o rexedor. Esta discriminación é visible cando esta mesma vía ao paso por outros concellos conta con fortes investimentos para a mellora da seguridade viaria.

A estrada DP-0205 en Teo é moi perigosa “e a responsabilidade desa situación é da Deputación, a titular da vía e a institución que leva décadas sen atender as necesidades da poboación de Teo cando falamos de seguridade viaria”.

Despois de atoparnos “cun muro administrativo e político na Deputación, dende o Concello seguiremos reclamando as melloras necesarias neste viario”.

O alcalde convida ao presidente da Deputación a vir ata Teo e percorrer a vía para ver persoalmente cal é a situación diaria coa que se atopan vehículos e peóns.

No seguinte vídeo podedes ver o caos de tráfico que se produce un día calquera.

 

Luou