O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A Concellaría de Lingua programa dúas actividades para o mes de xuño, unha excursión a Carballolandia, dirixida a familias con crianzas de ata 6 anos e a xa tradicional recollida das herbas de San Xoán, pola Ruta das Muiñeiras, en Luou.
O sábado, 18 de xuño, será a saída do programa Apego, que terá a saída desde a Casa do Concello en autobús ás 9.30 e o regreso ás 19.00 h
Carballolandia é o destino ao que acudirán as familias que se inscriban, un espazo natural lúdico situado na parroquia de Mariz, Chantada, formado por unha casiña de madeira enriba dunha árbore, un cinema dentro dun pallar, un horto forestal e unha chousa con xogos tradicionais de madeira, centos de árbores e fauna autóctona.
En Carballolandia agardan cine no Cinema Palleiriso, paseo polo sendeiro de Carballolandia con ciclocarros, xogo libre con brinquedos, poesía e música, contos, xogos, subida á casa da árbore, ciclobiblioteca, rocódromo horreoroso, espazo miudiño, pegadas dos animais do bosque... e diversión!
Esta viaxe comunitaria realizarase en autobús para as familias e cada familia debe levar o seu xantar e merenda para comer de campo.
As prazas están limitadas a 50 persoas, de balde con inscrición previa e as inscricións abriranse o 13 de xuño a través de https://teo.gal/actividades
Recollida das herbas de San Xoán pola Ruta das Muiñeiras, Luou
Un ano máis, na véspera de San Xoán, Lingua organiza este paseo polo contorno natural da Ruta das Muiñeiras, para apañar as herbas de San Xoán, como manda a tradición.
Son un mínimo de sete herbas, polo que realizamos unha escolma das máis comúns e habituais na zona teense na guía Recollida das herbas de San Xoán pola Ruta das Muiñeiras, que servirá de apoio para identificar as herbas e saber como se nomean comunmente. A guía pretende axudar para identificar ata 9 herbas das que habitualmente se recollen polo San Xoán e que se encontrarán con facilidade na ruta das Muiñeiras, xa que cada planta vai acompañada dunha ilustración que axudará á súa identificación. Así mesmo, tamén a acompaña unha breve descrición, o seu nome científico e unha escolma das diferentes maneiras de nomealas que existen espalladas polo territorio.
Este coñecemento da nosa lingua fortalece o vínculo co contorno no que vivimos, o que axuda a normalizar o uso social desta en actos da vida cotiá, como o é a relación coa natureza e a tradición da recollida das herbas, ligada á entrada do solsticio de verán e baseada na crenza de que lavar a cara con elas no día de San Xoán reconforta as persoas debido ás súas propiedades máxicas.
Na ruta deste ano 2022 haberá 4 quendas, en horario de mañá e tarde. Así ás 11.00 h será a primeira quenda, que partirá desde a igrexa de Luou e ás 12.30 h comezará a segunda desde a aldea da Ínsua en sentido inverso. Así, ás 16.30, tamén iniciará desde a igrexa de Luou e ás 18.00 h desde a aldea da Ínsua, en horario de tarde.
A inscrición é de balde e estará aberta a partir do 16 de xuño a través de https://teo.gal/actividades