O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Concello rematará os traballos de mellora na Casalonga en Nadal

| compartir:

O Concello de Teo ten previsto rematar os traballos de mellora na escola da Casalonga nas vindeiras semanas. Durante o verán realizouse un reforzo estrutural neste edificio. 

Xunto con esta obra principal fíxose tamén o pintado das aulas inferiores, dos baños e do espazo das escaleiras así como o cambio das luminarias e novos puntos de encendido. En canto á carpintería colocouse un pasamáns e o zócalo na planta baixa. O custo destas obra, reforzo, pintura, electricidade e carpintería achégase aos 40.000 euros. 

O 15 de setembro rematan estes traballos contratados e a concelleira de Educación valora que a planta alta precisa tarefas de pintado e subir a calefacción, para o que pide un novo orzamento. 

O 22 de setembro solicítaselle á Anpa do CRA, concretamente á súa presidenta, unha reunión cos pais e nais da escola para falar da obra, do que falta e da planificación de traballo que prevé o Concello. O 23 de setembro remítese de novo a petición a outra persoa da directiva. O 5 de outubro, a presidenta da Anpa, indícalle á concelleira de Educación que prefiren adiar esa xuntanza xa que estaban tramitando altas novas. María López indícalle que queda á espera de que se poida fixar esa reunión. 

A sorpresa chega cando o 18 de novembro, comunícanlle á concelleira de Educación que o alumnado está subindo á planta alta para actividades lectivas. Nese momento fálase de novo coa dirección do CRA, como se fai de xeito habitual case a diario, e reiterase que nesa planta non se poden dar clases ao ser un espazo que está en obra e a mesma non está rematada. Esta indicación, como é obvio xa se fixera en setembro. 

O mesmo 18 de novembro, comunícase de novo coa anpa para ter unha xuntanza e agora si, a anpa accede e convócase para o 24 de novembro ás 17:30 no mesmo centro. Na xuntanza coas familias a concelleira explicou que dende o Concello existía a prohibición de subir ao alumnado. 

Cabe lembrar que a xestión educativa é competencia da Consellería de Educación e dende a administración municipal as tarefas que hai que facer en relación aos centros escolares son cuestións de mantemento. No caso do centro da Casalonga acordouse realizar traballos que superan en moito o que se pode chamar mantemento. E fíxose ao detectar esa necesidade e pola aposta inequívoca ao mantemento deste modelo educativo, que dende a Xunta desbotan dende hai tempo ao non adicar fondos para a súa pervivencia. 

Esto non pode nin debe confundirse con ningunha responsabilidade municipal respecto da xestión e funcionamento dos centros escolares. 

Nas vindeiras semanas, tal e como estaba previsto, farase o pintado das aulas superiores, cambiaranse ventás e deixarase instalada a calefacción. Unha vez rematado esto comunicarase ao centro escolar que a obra está rematada para que a inspección educativa valore a súa viabilidade de uso. 

María López destaca que dende o Concello "cumpreuse co compromiso de mellorar o edificio e lamenta que en outubro non se puidera ter unha xuntanza coas familias para aclarar o feito e o que quedaba por facer, e todas as familias terían visto o estado da escola". "O Concello foi dilixente e atendeu as peticións presentadas e lamentamos que as crianzas estiveran nunhas condicións non axeitadas" explica a concelleira. 

 

 

 

Casalonga