O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

O Concello iniciou este mes diversas obras de acondicionamento de viarios municipais por importe de case un millón de euros

| compartir:

O Concello iniciou este mes de xaneiro as obras de acondicionamento de diversos viarios de titularidade municipal por importe de case un millón de euros, co fin de mellorar a seguridade nestes tramos e facilitar o tráfico rodado, o que redundará no propio benestar dos veciños e veciñas que empregan estas vías.

Así, vaise proceder ao afirmado e acondicionamento dos viarios mediante a limpeza de gabias e a mellora da capa de rodaxe. Reasfaltaranse as calzadas mediante aglomerado asfáltico, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes. Tamén se procederá, en cada unha das obras, á sinalización horizontal e vertical con pintado de liñas en bordos e colocación de sinais.

Concretamente, vaise afirmar e acondicionar o viario municipal da Insua a Espasande, moi deteriorado polo tráfico de vehículos que soporte, actuando nunha lonxitude total de 1.850 metros e aglomerar 9.310 m². Tamén se levará a cabo o recrecido de 205 tapas de rexistro existentes ata a cota final de acabado. Ademais, na zona proxectarase unha beirarrúa de formigón coloreado da que partirá unha senda que permita completar a conexión peonil das vivendas ata o cruce de Espasande. Desta forma, habilítanse percorridos peatonais que unen a piscina municipal coas aldeas da súa contorna. O importe destas actuacións elévase aos algo máis de 157.700 euros e o proxecto está incluído no Plan único de concellos (POS Adicional 2-2022). 

No Sisto tamén se vai acondicionar a pista que discorre dende o propio núcleo ata o inicio da urbanización Augas Mansas, tamén moi deteriorada polo tráfico rodado. Estes tramos teñen unha lonxitude total duns 400 metros con anchuras variables, cunha superficie total a aglomerar de 2.380 m². Ademais, no viario que discorre entre Augas Mansas e Guldrís levarase a cabo un labor de mantemento do firme, mediante unha capa de microaglomerado denso que permita mellorar notablemente a comodidade e seguridade do usuario. Por último, no tramo entre o cemiterio de Cacheiras e O Sisto proxectarase unha beirarrúa de formigón, buscando unha maior integración da sendo no seu contorno e, de paso, mellorando a súa seguridade. Desta forma completarase a conexión peonil existente, cunha lonxitude de 300 metros lineais. Neste proxecto contémplase tamén o recrecido de 59 tapas de rexistro existentes ata a cota final de acabado. O importe desta obra ascende a case 178.000 euros e está incluída no Plan único de concellos (POS+ 2022).

No caso do viario municipal de Tribaldes, actuando nunha superficie total a aglomerar de 6.045 m², ademais de levar a cabo o recrecido de 118 tapas de rexistro existentes ata a cota final de acabado. O importe do custo destas actuacións ascende a preto de 79.400 euros e o proxecto está incluído no Plan único de concellos (POS Adicional 2-2022). 

Tamén se vai mellorar o viario municipal en Mazas, nun tramo de 870 metros con anchuras variables, o que supón unha superficie total a aglomerar de 3.938 m². Tamén se levará a cabo o recrecido de 19 tapas de rexistro existente. O importe da obra é de algo máis de 56.800 euros e está incluída no Plan único de concellos (POS Adicional 2023). 

Por último, tamén se arranxará o viario municipal en Vilar de Calo – San Domingo, actuando en dous tramos cunha lonxitude total de 4.150 metros e unha superficie a aglomerar de 24.153 m², efectuando tamén o recrecido de tapas de rexistro existentes ata a cota final de acabado. O importe desta actuación é duns 291.750 euros e está tamén incluído no Plan único de concellos (POS Adicional 2023).

Humanización en Cachóns

Na aldea de Cachóns, situada na parroquia de Santa Baia de Oza, vaise investir un total de 228.000 euros para adecuar e renovar as rúas interiores da aldea, xa que estaban deterioradas polas inclemencias meteorolóxicas e o desgaste ocasionado polo tráfico de vehículos. A finalidade última é mellorar a seguridade, a accesibilidade e a comodidade dos usuarios.

Ademais, tamén se van dotar as vivendas da infraestrutura necesaria para dispoñer de abastecemento de auga potable e a evacuación das augas pluviais e residuais, completando así a rede de saneamento na zona e garantindo o dito servizo a todas as vivendas e aos solares vacantes de edificación. 

O dito proxecto de humanización tamén contempla a instalación da infraestrutura necesaria para dotar a iluminación pública dunha rede de subministro totalmente soterrada. Así mesmo, vanse mellorar os espazos públicos da aldea, reforzando lugares como a contorna do lavadoiro municipal e mellorando tamén os accesos a vehículos de emerxencia ao interior da aldea. O importe desta actuación está incluído no Plan único de concellos (POS+ 2022).


 

foto