O Servizo de Bono Social Eléctrico lévase a cabo todos os mércores, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos

Este luns 26 de agosto ábrese o prazo para anotarse nas Escolas Culturais e Deportivas 2024-25

| compartir:

O Concello publica a oferta de actividades culturais e as actividades deportivas para o curso 2024-25 para facilitar a xestión das persoas e familias á hora de programar o vindeiro curso. 

O prazo de inscrición comezará este luns 26 de agosto e estenderase ata o vindeiro 6 de setembro no Rexistro Xeral do Concello ou na sede electrónica en teo.gal. Ao igual que en anos anteriores, terán preferencia as persoas empadroadas no Concello.

Poderanse consultar as listaxes provisionais a partir do 12 de setembro en www.teo.gal ou nos departamentos de Cultura ou Deportes; así como nas redes sociais do Concello e nas de cada departamento. No caso de haber máis solicitudes ca prazas haberá un sorteo público na Casa do Concello (a data do sorteo publicarase coas listaxes o día 12). As listaxes definitivas publicaranse o 27 de setembro.

Pagamento

Cada actividade está programada en tres cursos:

1º curso – de outubro a decembro (20 euros)

2º curso – de xaneiro a marzo (20 euros)

3º curso – de abril a xuño (20 euros)

Porén, para manter a praza todo o curso hai que facer o pagamento completo (60 euros). Se por algún motivo a persoa participante ten que deixar de asistir, poderase solicitar a devolución do segundo e terceiro curso, sempre e cando se faga a solicitude de devolución antes do comezo das clases (segundo curso: 1 de xaneiro, terceiro curso: 1 de abril). En calquera caso, é obrigatorio ter feito o pagamento para poder iniciar o curso.

Senón poderase facer a inscrición (non se garda a praza) e o pagamento de cada curso (20 euros) nas seguintes datas:

1º curso (ou curso completo): do 12 ao 23 de setembro.

2º curso: primeira quincena de decembro.

3º curso: primeira quincena de marzo.

Na ficha de inscrición -que se subirán á web o propio luns 26 de agosto- xa se marca a opción elixida (curso completo ou fraccionado). Para facer o dito pago recibirase por correo electrónico (o que se facilita na propia ficha de inscrición) o documento e as instrucións de pagamento. 

Poden consultar as exencións e bonificacións no BOP núm.195 do 13/10/2011 e no BOP núm.12 do 20/01/2020; así como nos departamentos correspondentes. No caso de ter dereito á bonificación é obrigatorio presentar a documentación xustificativa no momento da inscrición.

Actividades e novidades

Coma todos os anos, haberá actividades para persoas adultas e para a rapazada.

No tocante á oferta de actividades culturais para o vindeiro curso 2024/2025, mantéñense as tradicionais disciplinas de artes plásticas, guitarra, teatro, informática e tecnoloxías dixitais. 

Porén, como novidade, ofertaranse dous novos obradoiros -tanto para a mocidade como para adultos- que amplían a oferta cultural. Por un lado, o obradoiro de customización e creación de adornos, prendas e complementos, un obradoiro onde se fusionará a reciclaxe, a estética e se dará renda solta á propia imaxinación dos participantes. Por outra banda, o obradoiro de fotografía, edición e retoque dixital, que ensinará aos participantes a utilizar unha cámara/teléfono móbil e sacarlle o máximo partido. 

Aviso de errata

Na actividade deportiva para adultos de Kickboxing, o curso será os martes e venres de 20.00 h a 21.00 h no Pavillón de Calo. Serán dous días de clase á semana. Desculpade o erro. 

 

 

*As prazas de técnica de Deportes e de Cultura son subvencionadas pola Deputación da Coruña.